Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interceptan un mercante con 4,5 toneladas de cocaína no Atlántico nas Canarias

Interceptan un mercante con 4,5 toneladas de cocaína no Atlántico nas Canarias

Vixilancia Aduaneira abordou o cargueiro con quince tripulantes a bordo

Na súa ruta pasaría a menos de cen millas das Rías Baixas

Atribuído á mafia albanesa e procedente do Brasil, apreixárono nas proximidades de Tenerife

Parte do importante alixo de cocaína incautado / Vixilancia Aduaneira
G24.gal 21/01/2023 16:04

A colaboración policial de varios países volveu impedir que as redes internacionais do narcotráfico introducisen un importante alixo de cocaína en Europa.

O Servizo de Vixilancia Aduaneira, nunha operación conxunta coa Policía Nacional e a Garda Civil, abordou este mércores en mar aberto, no Atlántico e a pouca distancia das Illas Canarias, o cargueiro Blume, un navío que se dirixía ao norte de Europa co posible destino "lícito" no porto de Riga.

Interceptárono a 80 millas ao leste das Canarias con bandeira de Togo, con máis de 4.500 quilos de cocaína no interior. As forzas de seguridade arrestaron os 15 tripulantes da embarcación.

A abordaxe do barco, realizada polo Buque de Operacións Especiais Fulmar do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria resultou de gran complexidade, dado o estado do mar e as grandes dimensións do cargueiro, detalla a Axencia Tributaria nunha nota.

A operación comeza como consecuencia da colaboración internacional entre o Servizo de Vixilancia Aduaneira, a Policía Nacional e a Garda Civil, e a partir do intercambio de información producido entre o Centro de Análise e Operacións do Atlántico (MAOC-N) e o Centro de Intelixencia Contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO), e na que os investigadores determinaron a posible implicación dunha embarcación sospeitosa de tráfico ilícito de estupefacientes procedente de América do Sur.

A Dirección adxunta de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria estableceu o dispositivo aeronaval e enviou o seu buque Fulmar para localizar e, finalmente, abordar o cargueiro na madrugada do mércores pasado.

No momento da abordaxe observaron que o cargueiro transportaba como mercadoría declarada unhas 200 toneladas de café, moi por baixo da capacidade real de carga do barco, o cal chamou a atención dos funcionarios encargados do operativo.

Nunha inspección das zonas comúns do cargueiro detectouse a presenza dun número indeterminado de fardos dos utilizados habitualmente para o tráfico de cocaína, polo que se procedeu nese momento á detención dos quince tripulantes da embarcación, dous cidadáns de nacionalidade albanesa e trece de nacionalidade paquistaní, así como á intervención do buque, que, xunto cos detidos, foi trasladado ao porto de Santa Cruz de Tenerife.

Na ruta tiña un paso moi próximo ás costas de Galicia, a menos de 100 millas, mesmo máis preto, na súa travesía atlántica.

A operación dirixida e coordinada pola Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional súmase ás efectuadas ata a data na denominada ruta atlántica da cocaína, coñecida por ser utilizada por pesqueiros, mercantes e cargueiros que, procedentes de América do Sur, transbordan substancias estupefacientes en metade do Atlántico para a súa posterior introdución no continente europeo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade