Interceptan 770 quilos de cocaína cando ían ser introducidos polas costas de Barbate
Interceptan 770 quilos de cocaína cando ían ser introducidos polas costas de Barbate
Os axentes da Garda Civil descubriron 22 fardos coa droga e dúas armas curtas preparadas para utilizar
A Garda Civil evitou a introdución dun alixo de 772 quilos de cocaína pola costa de Barbate en Cádiz. Os traficantes fuxiron na embarcación que utilizaban ante a presenza dos axentes.
O luns 1 de maio de madrugada os gardas civís que operan no Sistema Integra de Vixilancia Exterior (SIVE) detectaron unha lancha que navegaba de maneira sospeitosa en dirección á zona dos cantís do Parque Natural da Breña na localidade de Barbate.
Ata o lugar acudiron diversas unidades de Seguridade Cidadá e o Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) de Policía Xudicial da Garda Civil de Cádiz. Tan só uns minutos despois de ser avistada a embarcación semirríxida preto da costa, os axentes lograron abortar o alixo impedindo que tanto a tripulación coma os cargadores puideran fuxir do lugar co vehículo que os agardaba en terra.
Os autores do alixo, ante a presión policial víronse obrigados a fuxir na embarcación empregada. Na intervención policial lograron recuperar 22 fardos de cocaína cun peso total de aproximadamente 772 quilos e dúas armas curtas no interior do vehículo con munición e listas para ser utilizadas.
A Garda Civil continúa coas dilixencias e as investigacións para a localización dos autores por un delito contra a saúde pública por tráfico de drogas.