A Garda Civil di que nada apunta a outro sospeitoso no crime de Oza-Cesuras
A Garda Civil di que nada apunta a outro sospeitoso no crime de Oza-Cesuras
"Ao ser descuberto nunhas matogueiras díxonos que el non fixera nada e que lle doía o pé", declarou un dos axentes que declarou este venres no xuízo
Durante a sesión do xuízo este venres declararon os axentes da Garda Civil de Cambre que foron os primeiros en chegar á parroquia de Oza-Cesuras. Alí, as catro testemuñas dos feitos contáronlles que intres antes escoitaron un ruído moi forte, que podería ser unha detonación.
Comezaron a investigar e, seguindo as indicacións dos veciños, dez minutos despois atoparon o procesado agochado nunha matogueira e cheo de sangue. "Nada máis velo díxonos: eu non fixen nada. Dóeme un pé", declarou un dos gardas.
Axentes da Policía Xudicial da Garda Civil explicaron que, nada máis chegar á zona xa lles pareceu complicado que se tratase dun roubo. Eles foron quen localizaron o vehículo do investigado a case dez minutos camiñando da vivenda da vítima. Despois foron á zona onde os seus compañeiros encontraron o procesado: "Atopamos un xogo de grillóns e unha bolsa plástica semisoterrada onde estaba a arma de fogo que despois se certificou que fora a utilizada na morte de Cristina".
Tamén un chaleco reflector que, unha vez analizado, nos resultados deu positivo a residuos de disparo e no ADN do acusado.
Amais, detallaron que no lugar non atoparon ningunha persoa nin ningún indicio que relacione estes feitos con outra persoa que non sexa o investigado, para quen a fiscalía pide un total de 28 anos de cadea.
O xuízo, que se celebra con xurado popular, prolongarase ao longo da próxima semana.