Investigadores do INIBIC traballan na síntese de virus para atacar bacterias resistentes
Investigadores do INIBIC traballan na síntese de virus para atacar bacterias resistentes
A perda de eficacia dos antibióticos , que xa provoca 3.500 mortes diarias no mundo, podería ter solución co uso dos fagos, virus con capacidade para destruír as bacterias resistentes
Un determinado tipo de virus, os fagos, poden destruír as bacterias resistentes aos antibióticos. Aquí en Galicia estúdanos no Instituto de Investigación Biomédica da Coruña. A doutora Mar Tomás Carmona dirixe o proxecto.
Os fagos son virus que teñen capacidade para atacar e combater esas bacterias resistentes aos antibióticos, e que son, segundo a OMS, un dos principais problema de saúde ao que nos enfrontaremos nos próximos anos.
Por que está causado? Por usar antibióticos para infeccións non bacterianas; tamén por non completar ben a pauta dos tratamentos ou polo abuso en tratamentos veterinarios con antibióticos que, despois, chegan a nós a través da alimentación.
"É probable que, se non tomamos medidas neste momento, en 2050 poida haber ata dez millóns de mortes por esta causa", explica Mar Tomás Carmona, microbióloga e investigadora do INIBIC
Mar Tomás dirixe o grupo de investigadores galegos que acaban de presentar en Copenhague unha investigación sobre os fagos, un estudo que se une a un esforzo mundial por comprobar as posibilidades terapéuticas destes virus.
Hai fagos naturais, dos que xa hai bancos en Estados Unidos. Pero este grupo de Coruña traballa sintetizando proteínas e fagos que permitirían en combinación cos antobióticos ter máis eficacia.
"Pode aplicarse por diferentes vías segundo o tipo de infección, vía oral e vía tópica, e nós queremos ir máis alá a aplicalo por vía intravenosa. Xa hai resultados puntuais, por exemplo en pacientes de fibrose quística, onde se utilizou esta terapia", explica a doutora Carmona, que dirixe esta investigación.
Unha investigación para combater o que, segundo a OMS, podería ser un dos 10 principais problemas de saúde publica nos próximos anos.