Investigan 4 agresións sexuais nun centro comercial de Badalona
Investigan 4 agresións sexuais nun centro comercial de Badalona
Queren saber se hai casos que estean relacionados
Os Mossos d'Esquadra investigan catro agresións sexuais nas inmediacións do centro comercial Màgic de Badalona. Entre as catro violacións investigadas figura a que se coñeceu hai unhas semanas da nena de 11 anos presuntamente agredida por, polo menos, cinco menores de idade, un deles en internamento en réxime pechado e outro en liberdade vixiada, mentres que o resto son inimputables.
A última agresión sexual que a policía catalá investiga corresponde a outra violación, que sucedeu o pasado mes de agosto. A vítima tiña 16 anos e os Mossos tratan de pescudar se ten relación coa da nena de 11.
Sobre os dous outros casos un correspondería a unha agresión sexual a un menor de 14 anos por parte dun adulto, que se coñeceron a través das redes sociais.
O cuarto caso correspondería a outra violación, a unha nena da mesma idade, agredida pola súa propia parella e obrigada a manter sexo con outras tres persoas.
O Concello celebrou unha reunión co Centro Comercial Màgic, os Mossos d'Esquadra, a Garda Urbana e representantes do Hospital Universitario Germans Trias i Pujol, programada desde facía días, para abordar os casos que se coñeceron na cidade sobre agresións a menores e mozas.
Tamén está a mellorar os protocolos de seguridade no interior do centro comercial, onde se aumentaron as medidas de seguridade.