Pescudan a morte dunha muller nunha praia de Ponteceso
Pescudan a morte dunha muller nunha praia de Ponteceso
Sospeitan que se precipitou ao mar desde unha zona de rochas
Unha veciña de Corme Aldea, en Ponteceso, foi localizada morta na cala de Santa Mariña, en Niñóns. Foi un particular quen atopou o corpo pasadas as seis da tarde deste sábado e quen contactou co 112 Galicia para dar o aviso.
Emerxencias mobilizou unha ambulancia do 061 e tamén desprazou ao lugar os bombeiros, a Garda Civil e Protección Civil de Ponteceso. Os sanitarios non puideron facer máis que certificar o falecemento da muller.
Á espera do que determine a investigación, as primeiras hipóteses indican que puido precipitarse ao mar desde unha zona de rochas próxima e que as correntes a arrastraron ata a area. A falecida saíra da casa unhas horas antes e a súa familia andaba a buscala.