Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan se un home matou con veleno as súas fillas de dous e catro anos en Almería

Investigan se un home matou con veleno as súas fillas de dous e catro anos en Almería

O home, que tiña antecedentes por violencia machista e unha orde de afastamento da súa exparella en vigor, suicidouse despois 

G24.gal 18/03/2024 10:05 Última actualización 18/03/2024 21:11

A Garda Civil investiga o presunto asasinato de dúas nenas de dúas e catro anos de idade así como a posterior morte do seu pai nunha pedanía do municipio de Gérgal (Almería).

Fontes da investigación confirmaron que os feitos tiveron lugar na noite deste domingo nunha zona diseminada do municipio de Gérgal, no interior dunha vivenda. Aínda que a investigación continúa aberta, a liña que cobrou máis forza conforme aos indicios que se manexan ata o momento é que o home mataría as súas fillas de pouca idade antes de acabar coa súa propia vida.

Puido envelenar as nenas

A Garda Civil sostén como hipótese máis probable que o home puido envelenar as súas fillas. Fontes próximas á investigación dixeron que onte á noite, pasadas as 22:30 horas, unha muller de nacionalidade romanesa chamou a Garda Civil para alertar de que a súa exparella, un home tamén romanés, e as súas fillas inxeriran unha substancia velenosa. Un pouco máis tarde axentes do corpo desprazáronse ao lugar e atoparon os tres falecidos.

A alcaldesa de Gérgal, Antonia Contreras, explicou que se trata dunha familia de orixe romanesa que residía nun casarío xunto á estación de tren deste municipio. Precisou que a nai das nenas se separou do falecido debido aos malos tratos que sufría a mans deste, que tiña unha orde de afastamento que lle impedía aproximarse á muller.

Todo apunta a un presunto caso de violencia vicaria que ten conmocionada Andalucía e toda España.

O presidente da Junta de Andalucía, Juanma Moreno falaba de "estupor e dor. é completamente incomprensible os episodios que, supostamente, porque aínda se están investigando, de violencia machista que vivimos en practicamente 24 horas"

A nai vivía coas nenas en Abla, outra localidade de Almería, que xa decretou tres días de loito oficial.

O agresor enfrontábase a un ano de prisión por lesionar á nai das pequenas

O presunto filicida debía ser xulgado o próximo 10 de abril por uns feitos que, de acordo ao escrito da Fiscalía, tiveron lugar o 24 de maio de 2022, cando aínda acusado e vítima eran parella e convivían nun mesmo domicilio familiar.

O fiscal sostén que sobre as 22:30 horas da devandita xornada, iniciouse unha discusión entre ambos na que, "guiado polo ánimo de menoscabar a súa integridade física", o acusado colleu o brazo esquerdo da vítima e retorceulle a man.

Como consecuencia da agresión, a muller, que na actualidade ten 23 anos, sufriu lesións que precisaron de asistencia médica e de cinco días para a súa curación.

O fiscal consideraba ao home autor dun delito de lesións no ámbito da violencia de xénero, polo que reclamaría unha pena dun ano de prisión, dous anos de privación do dereito á tenencia e porte de armas, así como unha orde de afastamento de 500 metros durante dous anos respecto da nai das súas fillas, e o pago a esta dunha indemnización de 200 euros.

Segundo informou este luns o Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, o presunto asasino, de orixe romanesa, tiña un réxime de visitas das menores recoñecido xudicialmente durante as fins de semana e unha orde de afastamento por malos tratos para evitar o contacto coa súa exparella e nai das nenas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade