Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan se o exceso de velocidade estivo detrás do accidente mortal de Ames

Investigan se o exceso de velocidade estivo detrás do accidente mortal de Ames

No sinistro morreron un pai e súa filla menor, veciños de Laraño

Portaban unha carga voluminosa e ela non levaba o cinto

Os dous feridos do outro coche están hospitalizados con prognóstico reservado

 

G24.gal 04/03/2024 14:18

Consternación en Ames e en Santiago polo accidente en que onte á tarde perdían a vida un pai de 44 anos e súa filla de 17, ambos veciños de Laraño. O Opel Corsa en que viaxaban invadiu o sentido contrario á altura da urbanización Aldea Nova e chocou frontalmente contra outro vehículo que circulaba en dirección Santiago.

"Os vestixios na estrada indican que un dos vehículos perdeu o control e bateu de fronte con outro que ía polo carril contrario", explica Manuel Meléndez Navarro, xefe do Departamento de Tráfico de Santiago.

A menor, que ía de copiloto do pai, saíu despedida ao non levar posto o cinto de seguridade. Na parte de atrás transportaban un termo eléctrico voluminoso. A Garda Civil investiga se a carga agravou as consecuencias do impacto no pai, que tivo que ser liberado. Estudan tamén as circunstancias do sinistro, que sucedeu nun tramo con boa visibilidade, pero mollado e con pendente.

 "Hai mediana pintada, carrís amplos e boa visibilidade. Polo que apuntan podería ser un exceso de velocidade, que fixo que patinara de atrás", di o alcalde de Ames, Blas García Piñeiro.

Os ocupantes do segundo vehículo, unha muller de 44 anos e un home de 46, tamén tiveron que ser liberados. Foron trasladados ao Hospital Clínico, onde seguen ingresados con prognóstico reservado. 

O sinistro obrigou a cortar durante tres horas este tramo da AC-543. O mesmo punto onde hai 17 anos perdía a vida un matrimonio de Brión noutro tráxico accidente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade