Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan seis persoas por actos vandálicos en trens de Renfe en Oza dos Ríos e Catoira

Investigan seis persoas por actos vandálicos en trens de Renfe en Oza dos Ríos e Catoira

Frearon de emerxencia os convois, obstaculizaron as vías con toros e pintaron graffiti, ademais de agredir os vixilantes

A Garda Civil estima en 200.000 euros os danos nos trens de Renfe nos dous últimos anos

G24.gal 11/02/2023 11:35 Última actualización 11/02/2023 11:56

A Garda Civil investigou seis persoas polos actos vandálicos realizados en trens de Renfe nas estacións de Oza dos Ríos, na Coruña, e en Catoira, en Pontevedra.

As investigacións enmárcanse na Operación Motet do Grupo de Información da Comandancia da Garda Civil da Coruña.

Os feitos remóntanse ao día 9 de setembro cando un grupo de persoas accederon á plataforma da estación de Oza dos Ríos, aproveitando a parada que efectuaba o tren de media distancia.

Unha das persoas accionou o freo de emerxencia do convoi mentres outras dúas colocaban uns toros sobre as vías a modo de obstáculo para impedir o avance do tren. Nese momento, outras dúas persoas do grupo aproveitaron para pintar varias unidades do convoi.

O 3 de decembro de 2022 na estación de tren de Catoira, un grupo de persoas, co mesmo modus operandi, vandalizaron con pintura o lateral doutro tren.

Para logralo, enfrontáronse violentamente aos vixiantes de seguridade que custodiaban o convoi aproveitándose da súa superioridade numérica.

Os agresores asperxeron os vixiantes de seguridade con pintura en spray e golpearon gravemente a un deles, á vez que proferían intimidacións e ameazas.

A Garda Civil reforzou a investigación para identificar os participantes e esclarecer os feitos, xa que, segundo sinala, durante os anos 2021 e 2022 os danos ocasionados por graffiti a trens na provincia da Coruña superan os 200.000 euros.

Os axentes vincularon o ataque na estación de Oza dos Ríos a catro persoas e a outras dúas polo ocorrido na terminal de Catoira, aínda que está pendente tomar declaración a un dos presuntos implicados por atoparse nestes momentos fóra de España.

Das dilixencias instruídas encárganse o Xulgado de Instrución número 4 de Betanzos e o Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade