Investigan un ciberataque no Concello de Teo
Investigan un ciberataque no Concello de Teo
O Concello de Teo avanzou na recuperación dos seus servizos informáticos tras un ciberataque que se produciu o pasado mércores
Os hackers pediron un rescate tras bloquear a rede interna do municipio teense
O Concello de Teo (A Coruña) avanza na recuperación dos seus servizos informáticos tras o ciberataque sufrido o pasado mércores que bloqueou a rede interna do municipio da comarca de Santiago.
Desde entón, técnicos municipais e da Amtega (servizo dependente da Xunta) traballan na recuperación do servizo e lograron xa reactivar a actividade administrativa do concello, aínda que os teléfonos seguen desconectados, como establece o protocolo en casos de intrusións non autorizadas.
"Descubrímolo o xoves pola mañá. Estaba nos arquivos cifrados dalgúns ordenadores, non de todos. Aínda non temos o alcance total, pero estamos a seguir os pasos axeitados e xa recuperamos varios ordenadores de funcionarios", afirma Lucía Calvo de la Uz, alcaldesa de Teo.
A alcaldesa confirmou que os hackers que atacaron a rede o pasado mércores pediron un rescate a cambio, aínda que evitou entrar en detalles dado que hai aberto un proceso de investigación en mans da Garda Civil e a Amtega para esclarecer os feitos.
"Iso ten que aclararse na investigación en que están a traballar a Garda Civil, Amtega e Deputación. Os datos fundamentais, hai áreas sensibles como a de Servizos Sociais que nin sequera estaban afectadas e outras, que xa temos na Deputación, que tampouco se cifraron", di a alcaldesa.
Por outra banda enviou unha mensaxe de tranquilidade aos veciños do concello porque o ataque non afectou os "grandes paquetes de información" e os datos "máis sensibles" que manexa a Administración local, como son servizos sociais, atención á muller, contratación ou páxina web, xa que estes están aloxados ou en servizos externos ou na rede da Deputación da Coruña.
Así, Calvo de la Uz destacou que este martes xa se recuperou a normalidade nos servizos administrativos e de atención aos veciños, e espera que ao longo da semana o fagan tamén as partes do sistema que aínda non funcionan a pleno rendemento (como, por exemplo, o teléfono).
Convén, pois, actuar con cautela en caso de recibir algunha comunicación que poida usurpar a identificación do Concello de Teo para solicitar pagamentos improcedentes.