Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ismael, mozo e entusiasta emprendedor na súa aldea de Zas

Ismael, mozo e entusiasta emprendedor na súa aldea de Zas

Aos 24 anos é copropietario ao 50 % coa súa nai dunha explotación gandeira e de hortalizas en Romelle

Ismael este martes entre parte da súa cabana gandeira en Romelle, na parroquia de Loroño, no concello de Zas
G24.gal 26/09/2023 14:07 Última actualización 26/09/2023 16:05

Ismael Díaz Mata teno moi claro desde cativo: o que lle gusta é a crianza de vacún. Iso supón traballar e residir no rural, modo de vida que aos 24 anos de idade significa certa ruptura coa tendencia maioritaria. El e a nai posúen unha empresa gandeira en Romelle, no concello de Zas.

"Miña nai non quería que viñese para as vacas, pero eu son medio teimudo e dixen que eu quero vacas. Fixen electromecánica en Ponteceso e tan pronto aprobei xa fun para Fonteboa para facer o ciclo de agropecuaria. Agora temos 49 nais", di Ismael.

Queren chegar ás oitenta. As súas son vacas con nome propio, e aínda que hoxe tamén ten parte de crianza en intensivo, o plan é especializarse en rubia galega ao cen por cento extensiva. Leva unhas semanas que ten que afrontar só o traballo. María del Carmen, súa nai e socia, está de baixa. Isto dificulta, que non impide, que Ismael teña menos tempo de lecer nunha empresa de nai e fillo que vai funcionando ben.

Aínda que "eu son despistado e miña nai moi esixente... non hai problema ningún". "Este ano xa no podo coller vacacións, por que miña nai está de baixa. Pero se non, vou sacando tempo como podo tamén para ir de festa", conta Ismael.

Superada unha enfermidade grave cando adolescente, este mozo e a nai tamén cultivan nabizas e grelos, co que teñen todo o ano de faena. Pero Ismael di que a súa tarefa preferida é a gandeira:

"Non cambiaría esta actividade por nada", afirma o mozo gandeiro de Zas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade