Ivonet báñase no mar todos os días do ano
Ivonet báñase no mar todos os días do ano
Con 70 anos sumouse aos bañistas veteranos de Riazor para combater unha doenza neuromuscular
Creou un manual de natación para que os maiores se animen a practicar
Desde hai dous anos, Ivonet Jiménez achégase cada mañá ata o punto de encontro que o Golfiños de Riazor teñen no cabo da praia.
"Este é un grupo que ten como 20 persoas, pero os que vimos todos os días somos dez ou doce", explica. Co apoio deste grupo de bañistas veteranos incorporou os baños de mar tanto de verán coma de inverno á sua rutina diaria para combater unha doenza neuromuscular.
"Eu víaos a eles e dicía: non podo quedar atrás. Por máis que eles me dicían: está fría. Pero vaste aclimatando a todo... Eu teño 72 anos e vexo que a natación a min fíxome ben e ségueme facendo ben, e os que estamos aquí, que somos persoas de 80, 85, de 70 en diante, todos están moi ben, mesmo a pel pónseche bonita, tes tonicidade nos músculos, es máis áxil".
Aprendeu as técnicas de natación de nena co seu pai no lago Maracaibo
Ivonet é unha nadadora experimentada. Ensinoulle seu pai, un recoñecido nadador venezolano, no lago Maracaibo. Cando se mudou definitivamente a Galicia, hai catro anos, reparou en que moitos dos que realizaban este exercicio físico canda ela non tiveran un asesoramento técnico axeitado.
"Empeceime a dar conta de que os maiores nadaban con gran dificultade e ninguén lles dicía: mira, leva o brazo así, desta maneira, que se che facilita. Porque a natación é movemento e estirada. Tes que ir completamente estirado na auga e rotar os brazos á altura do ombreiro".
Cando participou nun taller da Fundación Luis Seoane decidiu crear un manual didáctico de natación para persoas maiores co fin de facilitarlles a aprendizaxe. Someteu o traballo á supervisión doutros especialistas e agora o seu obxectivo é divulgalo.
"Gustaríame dar clases e que algunha administración ou editorial se interesase polo manual".
Ivonet quere que a súa publicación axude a promover os beneficios da natación como práctica habitual, especialmente se se exercita no mar como fan acotío os Golfiños de Riazor.
"Quero estimular a moita xente a que o faga. Todo é aclimatarse e querelo facer, porque vexo que a natación é saudable; é gañar a batalla da vida todos os días".