Javi Rey será o novo adestrador da Ponferradina
Javi Rey será o novo adestrador da Ponferradina
O técnico ourensán farase cargo dos bercianos na vindeira tempada 24/25
Abandona o C. D. Arenteiro, equipo que dirixía desde novembro de 2022 e co que conseguiu o ascenso a Primeira Federación en 2023
O adestrador ourensán Javi Rey será o novo técnico da S. D. Ponferradina para a tempada 2024/25. O conxunto berciano quedou este ano en quinta posición, logo de pasar a maior parte da competición ocupando os primeiros postos. A derrota no playoff de ascenso contra o Córdoba levou á destitución do que xa é o seu anterior técnico, Juanfran García.
Rey vén de completar un paso exitoso polo C. D. Arenteiro. Tras a inesperada marcha de Fran Justo ao C. D. Lugo, o "Polbo Mecánico" fix´wrase cos seus servizos aló por novembro de 2022. Con Javi no banco verde, o equipo do Carballiño acadou o ascenso a Primeira Federación na tempada 2022/23.
O Arenteiro superou todas as expectativas no seu debut na categoría de bronce do fútbol español. Os carballiñeses fixeron de Espiñedo un fortín e estiveron preto de clasificarse para os playoff de ascenso a Segunda División. Finalmente acadaron a oitava posición.
Pese a todo, o Arenteiro anunciou a semana pasada que o clube e Javi Rey separaban os seus camiños. Era a fin dunha relación exitosa no deportivo, e que culminaba así cunha histórica tempada para os de verde.
O técnico chega a Ponferrada coa misión de devolver ao equipo á categoría de prata. Co Arenteiro e a Ponferradina encadrados no mesmo grupo, volverá este curso ao Carballiño. Pero esta vez, como rival.