Josefa segue vivindo con medo un ano despois de que un camión lle entrara na casa
Josefa segue vivindo con medo un ano despois de que un camión lle entrara na casa
A sua vivenda está xusto na curva de Cumbraos, en Mesía, un punto negro da N-634
Non se explica como, despois do accidente, aumentaron o límite de velocidade no treito previo á curva
En Mesía, a estreita convivencia coa nacional 634, unha das estradas con máis tráfico pesado de toda Galicia, lévalle deparado a Josefa Castro moitos sustos. Dun dos máis graves fai agora un ano. Un camión tiroulle parte da casa. Foi xusto a zona na que dorme. Por fortuna a esa hora Josefa estaba na cociña. Amais do subrecusto económico do arranxo, malia ao seguro, Josefa di que paga as consecuencias anímicas de ter que seguir alí vivindo alí.
"Estou moi mal, con medo; calquera ruído que sinto aféctame".
Tralo sinistro do ano pasado, a Demarcación de Estradas modificou a sinalización na zona, anulando un carril de subida para mellorar un punto de acceso xusto por baixo da casa de Josefa. Pero o que máis lle preocupa a ela e a súa sobriña Pilar é a velocidade dos que veñen de arriba, e niso din que o cambio foi para peor.
"Dixéronme que nesta estrada non se podían poñer bandas rugosas, pero que ían arranxar o da velocidade -que estaba a 60- e en vez de poñelo a 50, puxérono a 70, iso é un arranxo?".
Amais de que se reduza a velocidade, piden que se faga un paso seguro en Cumbraos tanto para os peóns coma para os vehículos agrícolas que teñen que cruzar a estrada.
"É un perigo, pero parece que non o ve ninguén!".