Lechona, hallacas, pan de xamón: pratos típicos de Nadal doutras culturas
Lechona, hallacas, pan de xamón: pratos típicos de Nadal doutras culturas
Cada vez é máis doado encontrar en Galicia os ingredientes e os pratos natalicios suramericanos
Retornados e emigrantes doutras culturas cada vez teñen máis doado encontrar en Galicia os ingredientes orixinais dos pratos típicos de Nadal nos seus países de procedencia.
Lechona, hallacas ou pan de xamón son pratos reproducibles nas mesas galegas de acudirmos
ás tendas de alimentación hispanoamericanas que, por cheiros e cores, nos trasladan facilmente ao trópico en pleno inverno como Copacabana Super Tropical e El Budare Market, os dous en Santiago, con sabores de Colombia e Venezuela sobre todo.
Ñame, mote, malanga, maduro, molondrón, yautía... son palabras que non coñeciamos pero que cada vez se ven máis polas nosas rúas. Definen ingredientes usuais en América Latina, tamén nas receitas de Nadal como as tipicas hallacas, que se fan en familia, a lechona ou o pan de xamón venezolano.
Por iso, un dos ingredientes máis vendidos estes días é a folla de plátano para hallacas e tamales. Logo, tamén a masa para chulas e as natillas de sabores.
Uns sabores tropicais que se conseguen con condimentos doutras latitudes como o ají e o onoto ou achiote, que lle dá cor vermella a masas e guisos.
Canto a sobremesas, buscamos a máis internacional de América do Sur: o alfajor arxentino. Na cafetería Chusca, tamén en Santiago, Irupé Fierre cóntanos que os fan artesáns, todos os días, de catro variedades. E curiosamente a súa maior clientela é galega.
Neses países, para brindar non só existe o cava, e teñen a súa propia receita festiva: o ponche crema que moitas familias fan na casa con ron e leite condensado cocidos.
Máis dun por morriña ou por curiosidade ha probar algún destes sabores tan típicos nos seus lugares de orixe como aquí o bacallau ao forno ou os turróns.