Libre de cargos tras pasar ano e medio en prisión preventiva polo crime dunha muller no Barco
Libre de cargos tras pasar ano e medio en prisión preventiva polo crime dunha muller no Barco
O seu avogado desmontou as probas que presentaran contra ela
O 10 de setembro de 2021 aparecía o corpo sen vida de Leticia Sanabria, de 28 anos. Dous meses despois detiñan a muller que compartía un piso no Barco con ela e a unha amiga. Esta última, natural do Brasil, foi liberada tras pasar ano e medio no cárcere. O seu avogado desmontou as probas que presentaran contra ela.
Ricardo Orbán, o avogado da muller libre de cargos, explica que o informe da garda civil puideron interpretalo coa aplicación Saúde do móbil que conseguiron descargar por completo e revisar minuto a minuto todos os movementos que detectou o seu móbil esa noite e así amosar que a muller só se moveu pola casa do dormitorio ao baño e non saíu da vivenda para nada. Ademais, engade o avogado, "esa aplicación non se pode alterar nin modificar porque é unha app encriptada do Iphone".
A Garda Civil detivéraa porque na investigación detectaran que o seu móbil cambiara de localización. O seu avogado tamén conseguiu demostrar que esa noite unha antena caera e produciuse un cambio a outra antena 2G en moitos clientes.
A xuíza do Barco que leva o caso arquivou a investigación e quedou libre. Pero tivo que sufrir 18 meses en prisión. Ricardo Orbán Avogado da muller libre de cargos di:
"É unha barbaridade. A lección que podemos sacar nestes casos é que a Garda Civil debe dispoñer de máis medios técnicos e humanos, porque se non dilátase demasiado. As probas que pediamos tardaban meses e iso demorou demasiado a causa, en circunstancias normais esta señora tiña que estar solta moitísimo antes. É moi difícil que ningunha indemnización poida compensar".
Leticia Sanabria viñera de Paraguai hai uns anos, tiña nove irmáns e mantiña a súa familia. No xuízo, previsto para este ano, sentará no banco dos acusados só a muller que vivía con ela. O móbil, sospeitan, foron os cartos.