Atopan o corpo do neno desaparecido no río Miño en Arbo
Atopan o corpo do neno desaparecido no río Miño en Arbo
O cativo de 10 anos apareceu a tres metros de profundidade, nas proximidades do lugar onde caeu á auga
O seu proxenitor, un veciño de Vigo de 42 anos, botouse á auga para acudirlle, pero tamén foi arrastrado
Os mergulladores da unidade da Armada de Ferrol (Ubufer) que se desprazaron ata Arbo atoparon este domingo á primeira hora da tarde o corpo do neno de 10 anos que desapareceu o sábado pola tarde arrastrado pola corrente do río Miño. Así o confirmaba o xefe do operativo de busca, o comandante naval do Miño.
Tanto o rapaz coma o pai, de 42 anos, morreron afogados de xeito accidental. A familia pasaba a tarde de lecer na praia fluvial de Arbo.
O tráxico accidente sucedeu porque o neno perdeu unha chancleta e cando quixo collela o río tragouno. O pai lanzouse detrás del e logrou acadalo, pero a corrente arrastrounos.
A súa muller que estaba coa outra filla, de oito anos, foi quen avisou o 112 do que pasaba.
O lugar está nunha zona en que o río baixa a moita velocidade, con rápidos e zonas de remanso que se alternan con remuíños. Existen pozas profundas e o leito conta con pesqueiras para a captura da lamprea. A visibilidade desde fóra é escasa.
Os equipos de rescate, que se desprazaron á zona por terra, con medios aéreos ou de mergullo e mesmo cun robot subacuático e con drons, tiveron moitas dificultades no seu traballo.
Mesmo se considerou a posibilidade de que o corpo do cativo fora arrastrado río abaixo varios quilómetros. Pero o cadáver do pequeno apareceu a uns 300 metros do lugar onde caeu e nun lugar próximo a onde atoparon o seu pai.
O Miño baixaba este sábado con moito caudal e a unha gran velocidade. O operativo de emerxencia solicitoulle ao encoro de Freiría, a uns quince quilómetros, que pechase as comportas. Así, reduciuse a forza da corrente e o nivel da auga nuns dous metros.
Os mergulladores da Armada e da Garda Civil traballaron sen descanso en equipos de catro membros para atopar o corpo, o cal lograron á primeira hora da tarde. Ademais, despregáronse tamén equipos por terra e tanto a Garda Civil coma Axega fixeron voar os seus drons na zona.