Loito no Baixo Miño polo asasinato machista de Vanesa en Mougás
Loito no Baixo Miño polo asasinato machista de Vanesa en Mougás
A vítima, de 44 anos e veciña de Lugo, morreu no aparcadoiro do cámping O Muíño dun tiro de escopeta
A súa exparella, garda civil, pegouse un tiro despois de verse acurralado nun monte próximo ao lugar do crime
Os concellos do Baixo Miño amencen este domingo de loito oficial polo último crime machista que golpea a comarca, o segundo en Galicia no que vai de ano. Un garda civil de 43 anos matou dun disparo de escopeta a súa exparella en Mougás e, horas despois, suicidouse.
Aconteceu sobre as catro da tarde do sábado no aparcadoiro exterior do cámping O Muíño, onde traballaba a vítima. Vanesa, de 44 anos, era veciña de Lugo e separárase recentemente do que rematou por se converter no seu verdugo.
O home, destinado na comandancia de Baiona, tiña unha orde de afastamento de 300 metros e a prohibición de comunicarse con ela tras a interposición de varias denuncias por malos tratos. Por estes feitos, o seu traballo limitábase a labores de oficina xa que lle retiraran a arma.
Pero as medidas foron insuficientes para protexela. Agardou a que a muller rematara a súa quenda laboral para sorprendela cando se dispuña a coller o coche. Entón, disparoulle cunha escopeta e fuxiu.
Acurralado
Tras o asasinato, a Garda Civil iniciou a busca do autor dos feitos que, pasadas as nove da noite, foi localizado nun monte próximo. Despois dunha hora de conversas, para tentar que se entregase, pegouse un tiro coa mesma arma coa que matou a vítima.
Agora, o equipo xudicial da Comandancia de Pontevedra farase cargo das dilixencias, que entregará ao xulgado de violencia de xénero correspondente.
Loito oficial e minuto de silencio
Os concellos de Oia, do Rosal e da Guarda decretaron tres días de loito oficial, as bandeiras ondean a media hasta e suspendeuse unha representación no mosteiro.
Ademais, ás doce do mediodía gardaron un minuto de silencio ás portas do cámping de Mougás. Os amigos máis íntimos deixaron un centro floral no lugar onde Vanesa perdeu a vida.