Loito na comunidade ghanesa de Marín pola morte do mariñeiro no Gran Sol
Loito na comunidade ghanesa de Marín pola morte do mariñeiro no Gran Sol
Kwame, de 52 anos, levaba máis dunha década residindo en Marín cunha filla
O buque Novo Alborada que trae o cadáver a bordo, chegará a Vigo pasada a medianoite
Novo suceso lutuoso ligado á xente do mar. Agárdase que nas próximas horas, seguramente xa de madrugada, chegue a Vigo o pesqueiro Novo Alborada.
A bordo viaxa o cadáver do mariñeiro ghanés falecido no Gran Sol. Solomon Obeng, ou Kwame, como o coñecen na comunidade ghanesa, residente en Marín. Tiña 52 anos e deixa unha filla coa que vivía nesa localidade desde hai máis dunha década.
Un novo golpe para o sector pesqueiro e para este colectivo, xusto cando fai un ano da traxedia do Villa de Pitanxo.
Os socios da empresa armadora José Cesáreo S. L. non quixeron facer declaracións. Moi afectados polo suceso e polo pasamento de Kwame que era moi apreciado por toda a tripulación e na empresa.
O Novo Alborada navega cara a Vigo, onde está previsto que chegue pasada medianoite
Do porto de Marín saíu o luns o Novo Alborada cara ao Gran Sol. O accidente produciuse na madrugada do mércores a unhas 165 millas das illas Sorlingas. Solomon Oben, ou Kwame, como o coñecían na comunidade ghanesa, estaba traballando na popa do barco cando nunha manobra caeu á auga.
Os mesmos compañeiros da tripulación avistaron o cadáver e un mercante que estaba na zona rescatouno.
Esta nova traxedia, xusto cando se fai un ano do naufraxio do Villa de Pitanxo, foi recibida con tristura pola comunidade ghanesa de Marín. Kwesi acudía á mesma igrexa evanxélica que a vítima. Lembra con tristura que falaron o domingo e que o animou a participar máis no culto.
O Novo Alborada, que trae o cadáver a bordo, navega cara a Vigo, onde está previsto que atraque pasada a medianoite.