Publicador de contidos
Publicador de contidos

Emotivo adeus en Vigo a Sergio Salnés, o bombeiro falecido en acto de servizo

Emotivo adeus en Vigo a Sergio Salnés, o bombeiro falecido en acto de servizo

Os seus compañeiros do corpo e os da Policía Local fixéronlle dúas homenaxes 

O concello decretou dous días de loito oficial e as bandeiras ondean a media hasta

G24.gal 26/05/2024 08:26 Última actualización 26/05/2024 21:00

Entre aplausos e a ombreiros dos seus compañeiros chegaban esta tarde ao tanatorio de Vigo os restos de Sergio Salnés, o bombeiro falecido este sábado nun accidente laboral.

Foi unha emotiva despedida na que non faltaron os seus antigos compañeiros da Policía local e bombeiros doutros parques galegos.

Pola mañá, xa fixeran soar as sirenas na súa honra no Parque Central de Teis. A cidade decretou dous días de loito oficial, ata o luns, coas bandeiras ondeando a media hasta na casa consistorial.

Revisión rutineira

Serxio, de 49 anos, faleceu en acto de servizo. Caeulle enriba parte do primeiro andar dun edificio en mal estado que estaba a inspeccionar nunha revisión rutineira.

Foi no número 127 da rúa Beiramar. A veciñanza do inmoble contiguo alertou ás dez e cincuenta minutos dun estrondo no edificio en mal estado no que levaban días vendo un buraco.

"Notouse que non era como o golpe dun coche, que aquí temos oído moitos accidentes, era a caída dun edificio. Nós xa viramos un buraco na azotea, e fomos para arriba e xa vimos caído o teito cara abaixo. Chamou o meu veciño. A policía veu rápido e tamén os bombeiros. Empezaron a observar como estaba todo caído. E xa estaban poñendo o cordón para irse e foi cando xa lles veu enriba deles toda a cornixa. Saltaron cara fóra pero por desgracia quedou un atrapado", relata Verónica Martínez, veciña do inmoble.

A dotación, composta por seis bombeiros, comprobara a derruba polo que fora alertada e dispúñase a abandonar o lugar. A fatalidade produciuse entón. Algo que nunca pasara nos 125 anos de traballo dos bombeiros de Vigo.   

"Foi mesmo nese intre que se estaba avisando ao responsable do parque de Coruxo co sarxento de Teis que lle comentaba que aquí xa remataran, que quedaba balizado, pois xusto nese momento parte da primeira planta veuse abaixo e colleuno, coa desgracia de que faleceu", asegura Guillermo Domínguez, xefe do corpo na cidade.

Polo traballo que desenvolven cada día, polo querido que é o corpo de bombeiros. A cidade e o seu goberno están de loito. Ata o luns. As bandeiras do concello permanecen a media hasta. Os bombeiros colgaban un crespón negro nas instalacións de Coruxo en sinal de loito por Serxio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade