Luis Miguel Varela: "O consenso político axudaría moito ao impulso de proxectos renovables en Galicia"
Luis Miguel Varela: "O consenso político axudaría moito ao impulso de proxectos renovables en Galicia"
Luis Miguel Varela: "O consenso político axudaría moito ao impulso de proxectos renovables en Galicia"
O presidente do Foro Fieito considera "preocupante" que distintos parques eólicos non se desenvolvan "á velocidade que nos gustaría"
Opina que "a cidadanía empeza a ver con moita preocupación que haxa tantas paralizacións" e pensa que a interpretación da norma "pode ser excesiva"
Di que o desenvolvemento de novos proxectos industriais "é totalmente compatible co medio ambiente, coa saúde humana, co patrimonio cultural e histórico, e coas actividades tradicionais"
O presidente do Foro Fieito, Luis Miguel Varela, considera que Galicia está en condicións de converterse en líder industrial da transición ecolóxica, ao sinala que "temos unhas enormes potencialidades naturais, que adecuadamente explotadas permitirán unha gran produción de enerxía e tamén o seu almacenamento, algo no que hai que traballar de maneira inmediata". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.
O presidente deste grupo de investigación e análise engade que "temos tamén boas infraestruturas, capital humano formado, temos unha industria que está en plena transición onde temos un montón de persoas ben formadas en distintos traballos industriais. Temos unha rede loxística que nos permite protagonizar algúns dos principais sectores que van configurar o futuro destas enerxías renovables e só nos queda decidirnos a facelo intensamente".
Luis Miguel Varela indica que "a industria verde vai fluír onde a enerxía tamén sexa máis verde, máis barata e máis abundante. Nese sentido, efectivamente, é preocupante ver como distintos proxectos eólicos poden estar non desenvolvéndose á velocidade que nos gustaría. É verdade que haberá algunhas cuestións que resolver, pero pensamos que ese é un tema que haberá que traballarse intensamente, a poder ser polo consenso de todos os axentes implicados, en particular, das forzas políticas, que decidan expandilo na medida que necesitamos, tanto o eólico terrestre coma eólica mariña. Por suposto, compatible co resto de actividades que se desenvolven no territorio".
Neste senso, di que "estamos persuadidos de que é posible. O que si é certo é que estamos vendo noutras latitudes que se protagoniza un fortísimo despegue na implantación de enerxías renovables, no só no territorio español senón tamén a nivel comunitario, e que a industria flúe onde esas enerxías son máis baratas e máis verdes".
O presidente do Foro Fieito cre que o consenso político "axudaría moitísimo" ao desenvolvemento das fontes renovables en Galicia.
"En primeiro lugar, mandaría unha mensaxe moi clara aos investidores que poden ter como destino Galicia dada a nosa potencialidade de produción e, insisto, tamén de almacenamento, que vai ser moi importante no futuro inmediato. Esa mensaxe é moi necesaria nunha economía tan dinámica e ata volátil, xa que os investidores se moven rápido ata alí onde as condicións son máis favorables. Iso é moi importante".
"En segundo lugar, permitiría chegar e acadar do xeito máis rápido posible as condicións de modificación ou de axuste ou de aprobación das normativas que fosen necesarias para garantir, primeiro, que é posible producir con seguridade xurídica e almacenar enerxía tamén con seguridade xurídica, segundo, levar a cabo un despregue industrial en sectores estratéxicos e naquelas zonas que se demarquen asociadas a esas enerxías".
"E en terceiro lugar, que este ruído ambiente que vemos asociados aos proxectos industriais ou de enerxías renovables diminúa sensiblemente".
Explica que "a maior parte destes proxectos levan moito tempo a súa tramitación. Son proxectos moi controlados polas administracións públicas, por funcionarios profesionais, moi competentes no seu cargo, e que saen con garantías. Ese tempo ten que acurtarse o máximo posible para que sexa atractivo".
"Tamén ese consenso sería fundamental para dicir en que medida toda esa enerxía e toda esa capacidade de produción que ten Galicia ten que redundar en beneficios internos para a terra que contribúe ao desenvolvemento industrial. Esa tamén é unha variable bastante importante que ten que ser considerada".
Luis Miguel Varela pensa que un gran consenso debería estar formado por, "en primeiro lugar, as forzas políticas, sen ningunha dúbida, porque son as que teñen un mandato dos cidadáns para facer os axustes lexislativos. Por exemplo, nestes momentos está en tramitación a Lei de Recursos Naturais de Galicia, que é un impulso importante nesa dirección, serio, e que ten que ser considerado adecuadamente. Tamén os axentes sociais, que van protagonizar o cambio, a transformación dun modelo industrial a outro modelo industrial. Indubidablemente, iso vai ter algunhas repercusións na man de obra, nas distintas actividades que se desenvolven no mundo do traballo, asociado a esa transformación e, por suposto, teñen que participar tamén dun xeito moi decidido nese acordo de país que posicione a Galicia como a comunidade que é".
"Temos o principal parque do Estado en produción de eólica e, ademais, necesitamos que se expanda en maior medida para garantir ás empresas actuais e ás futuras. Temos unha capacidade de almacenamento enorme. Todo isto necesita un consenso interno para que sexa moi atractivo no exterior. Probablemente, tamén deberían participar outros axentes como a academia. Achegar o seu coñecemento naquilo que pode. Niso estamos desde o Foro [Fieito]".
Sobre se é posible ese grande acordo en Galicia, di que o ve "desexable e creo que todos debemos traballar nesa dirección polo ben de Galicia, polas xeracións presentes e polas xeracións futuras, e porque abordamos un proceso dunha enorme dificultade nun contexto internacional moi complexo, moi cambiante e moi volátil".
"Se o vexo desexable supoño que o ven desexable tamén o resto dos axentes porque ademais das especificidades que terá cada un (os empresarios, os sindicatos, as forzas políticas) todos somos galegos, verdade? Entón, entendemos que o proceso está aí e teremos variantes na súa abordaxe, teremos diferenzas no grao de ambición dunhas medidas ou doutras medidas, pero, ao final, o propósito é compartido, co cal eu entendo que debe ser posible".
Sobre se ve perigo ambiental nese desenvolvemento das enerxías limpas, o presidente do Foro Fieito asegura que "é totalmente compatible co medio ambiente, coa saúde humana e cos intereses do patrimonio cultural, do patrimonio histórico e incluso das actividades tradicionais. Todo é compatible. A cuestión é buscar o maior xeito de compatibilizar".
"O que si entendo é que haxa preocupación porque, efectivamente, todas estas transformacións, todas estas iniciativas prodúcense nun contexto moi cambiante, que xa por si xeran un pouco de estupor no cidadán, que ve como todo cambia a unha velocidade enorme, o que, efectivamente, pode xerar unha preocupación esa transformación a un ritmo tan intenso. Tamén é verdade que hai que facer moita pedagoxía social, explicando o impacto que ten sobre a contorna máis inmediata estas instalacións, pense nun parque eólico, pense nun gran centro de almacenamento ou unha grande infraestrutura industrial teñen unha contorna e hai que facer esforzos por integralos adecuadamente e explicarllos ben á cidadanía".
Luis Miguel Varela opina que "podemos facer que conviva a industria, a xeración de enerxía e o medio ambiente. Diría que o contrario sería paradoxal porque se estamos facendo unha transición cara á enerxía verde e resulta que esa transición á enerxía verde, concluímos que vai ter unha maior afección sobre o medio ambiente que a tradicional, pois creo que estariamos ante un paradoxo insoluble e non é o caso".
Sobre a paralización xudicial por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de varios parques eólicos, o presidente do Foro Fieito recoñece que "pode haber algunhas dúbidas na aplicación da normativa, que esixan aclaracións ou melloras. Tamén é verdade que a interpretación da norma sempre pode ser excesiva nunha dirección ou noutra. Pero tamén é verdade que o principio de prudencia leva a protexer moito os intereses medioambientais. Efectivamente, son moitas as cuestións que conflúen nunha decisión xudicial".
"O que si é certo é que a cidadanía empeza a ver con moita preocupación que haxa tantas paralizacións. Non sabemos se necesitamos unha mellora ou unha posta ao día nalgúns aspectos da normativa estatal, autonómica e incluso europea", conclúe.