Luz Casal, galardón honorífico nos 10º Premios Martín Códax da Música
Luz Casal, galardón honorífico nos 10º Premios Martín Códax da Música
Recibiu o recoñecemento das músicas e músicos galegos na gala no Pazo da Cultura de Pontevedra
Máis de corenta anos na música fan de Luz Casal unha das voces máis valoradas neste século na escena europea.
En 2023 prodúcese un novo recoñecemento para a artista ao serlle concedido o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música.
Na décima edición dos galardóns, a directiva de Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos mesmos, quere recoñecer “a riqueza, delicadeza e inconformismo como intérprete e compositora” que caracterizan a traxectoria da artista nacida en Andabao, Boimorto, en 1958.
O premio entregouse este mércores na gala dos 10º Premios Martín Códax da Música, no Pazo da Cultura de Pontevedra. Promovidos por Músicas ao Vivo, os galardóns contan co patrocinio das Bodegas Martín Códax, ademais do apoio do Concello de Pontevedra, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Vinte discos narran a historia musical de Luz Casal. En 1982 viu a luz o primeiro, homónimo e eléctrico.
Dende o primeiro momento no seu posicionamento na música a procura da profesionalidade é un obxectivo; quere o mellor, non só nela como solista, senón no conxunto de músicos, técnicos e produtores cos que vai traballar.
En 1983 participa na xira 'El rock de una noche de verano', xunto a Leño e Miguel Ríos, todo un acontemento socio-musical na España do momento, no que cada noite actuou en estadios ante milleiros de persoas.
A rockeira Luz Casal completa o seu progreso. Afianza protagonismo na música pop-rock española durante a década dos oitenta e, a finais da mesma, publica o disco Luz V. Temas como Loca, Te dejé marchar e No me importa nada marcarán o seu futuro musical e se integrarán no seu repertorio durante as décadas posteriores.
Luz xa é unha solista moi popular, o seu público é masivo e o seu recoñecemento, unánime. Algo que lle fai querer dar sempre o mellor en cada concerto.