Publicador de contidos
Publicador de contidos

Madrid lembra as vítimas do maior masacre terrorista da súa historia 19 anos despois

Madrid lembra as vítimas do maior masacre terrorista da súa historia 19 anos despois

Os atentados terroristas  do 11-M de 2004 nos trens de proximidades da Comunidade de Madrid deixaron 192 mortos e case 2.000 feridos

Sánchez lembra ás vítimas dos atentados e reivindica a democracia fronte aos extremismos e a intolerancia

Acto de homenaxe ás vítimas dos atentados do 11-M na Porta do Sol en Madrid
G24.gal 11/03/2023 10:01 Última actualización 11/03/2023 21:14

Asociacións de vítimas, políticos, axentes sociais, cidadáns e familiares lembran este sábado os 192 falecidos pola explosión de once bombas colocadas en catro trens de Madrid o 11 de marzo de 2004 por unha célula xihadista, que semanas despois se inmolou nun piso de Leganés onde morreu un axente dos GEO.

Os 192 falecidos e preto de 2.000 feridos que causaron a explosión das bombas colocadas en catro trens de proximidades de Madrid, nas estacións de Atocha, Santa Eugenia, O Pozo, e xunto á rúa Téllez, serán así lembrados un ano máis con distintos actos que terán como epicentro a capital pero tamén haberá outros en localidades do corredor.

Os actos de homenaxe do décimo noveno aniversario da maior acción terrorista en España arrincaron ás nove da mañá na Porta do Sol xunto á placa que homenaxea os falecidos, os feridos e a quen os socorreu aquel día.

O acto central celebouse  na estación de proximidades de Atocha a partir das 11 horas. Tras a interpretación dunha peza musical, soltaranse 192 globos brancos en lembranza de cada unha das vítimas mortais nos maiores atentados non só de España se non tamén do conxunto de Europa, ademais dun minuto de silencio na súa homenaxe.

No parque do Retiro, a Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) lembrou a acción terrorista xunto aos 191 cipreses e oliveiras que compoñen o Bosque do Recordo, sobre o que os asistentes depositarán flores e soltarán globos brancos.

A presidenta da AVT, Maite Araluce, leu un manifesto en defensa da verdade, a xustiza, a memoria e a dignidade, en presenza da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso; o alcalde da capital, José Luis Martínez Almeida, e a delegada do Goberno, Mercedes González, entre outras autoridades. Así mesmo, asistiu o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Tamén a Asociación 11M-Afectados do Terrorismo celebrará os actos habituais nos outros puntos nos que estalaron as bombas ademais de Atocha: rúa Téllez, Santa Eugenia e O Pozo.

193 persoas de 17 nacionalidades distintas -a española a máis numerosa, con 143 vítimas- morreron nos atentados: 34 no tren que estoupou na estación de Atocha; 63 ao seu paso pola rúa Téllez; 65 no da estación do Pozo; 14 na de Santa Eugenia e 16 en diferentes hospitais, a última delas, en 2014, tras permanecer en coma dez anos.

A estas sumouse o policía do GEO Francisco Javier Torronteras tres semanas despois, o 3 de abril de 2004, como resultado das feridas sufridas cando se suicidaron sete membros do comando xihadista autor do masacre utilizando os explosivos que almacenaban nun piso da localidade madrileña de Leganés.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lembrou este sábado ás vítimas dos atentados de Madrid de hai 19 anos e reivindicou "a fortaleza da democracia do noso sistema de valores da sociedade na que vivimos ante o fanatismo, o extremismo e a intolerancia".

Fíxoo en Moguer, en Huelva, durante a súa intervención no acto de presentación da plataforma de lanzamento do foguete Miura 1, que aproveitou para ter "un sentido recordo ás vítimas do maior atentado terrorista da nosa historia".

"Nun día coma hoxe creo que é imposible que o paso do tempo borre o recordo daquela mañá tan irreal; todas e todos, polo menos os que temos idade suficiente, creo que podemos compartir que estabamos a facer ese día a esa hora", manifestou.

Hoxe, engadiu, como cada 11 de marzo, "rendemos tributo ás vítimas, sentimos como propio a dor dos seus familiares e dos seus amigos e amigas e conxurámonos para reivindicar a fortaleza da Democracia do noso sistema de valores da sociedade na que vivimos ante o fanatismo, o extremismo e a intolerancia".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade