Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 111.000 persoas xa están vacinadas contra a covid en Galicia

Máis de 111.000 persoas xa están vacinadas contra a covid en Galicia

A directora xeral de Saúde Pública cifra en máis de 2.000 as persoas da poboación infantil vacinadas contra a gripe en catro días

O 96 % dos acabados de nacer e dos menores de grupos de risco foron vacinados contra o virus sincitial

G24.gal 21/10/2023 10:01 Última actualización 21/10/2023 12:07

Máis de 111.000 persoas xa recibiron en Galicia a vacinación contra a covid no marco da campaña da vacinación dobre para a gripe e a covid, das que o 86 % son maiores de 80 anos, segundo a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, lembraba que a vacinación nos centros de saúde de cabeceira aínda se abriu o día 16 de outubro para as persoas de 80 ou máis anos.

"Estamos avanzando a moi bo ritmo. (...). Desde que comezamos, o 16 de outubro -levamos unha semana-, levamos máis de 111.000 persoas vacinadas da covid, das que preto de 96.000-96.500 persoas teñen 80 ou máis anos".

Segundo Durán, a citación das persoas maiores de 80 anos rematará entre o 26 e 27 de outubro, aínda que haberá segundas citacións. Logo comezarase a vacinación dobre das persoas de entre 70 e 79 anos nos grandes recintos.

Se todo vai segundo o previsto, Durán prevé que "a mediados de novembro" remate neste tramo de idade para logo comezar a vacinación das persoas de entre 60 e 69 anos. A previsión é que "na primeira semana de decembro" estea rematada a vacinación contra a covid. 

Vacinación infantil contra a gripe

Respecto aos cativos de entre 6 meses e 59 meses, aos que se lles recomenda a vacina contra a gripe, Carmen Durán cifra en máis de 2.000 os nenos e nenas inmunizados.

Durán lembra a importancia da vacinación contra a gripe nas idades e nos grupos de persoas recomendados e apunta que nestes momentos, aínda que hai "poucos casos", cinco persoas están ingresadas por mor da gripe. 

Vacinación contra o virus sincitial

A directora xeral de Saúde Pública tamén falou da nova vacina que empezou a aplicarse para os bebés acabados de nacer, a inmunización contra o virus sincitial ou VRS.

"O 96 % dos nenos que nacen os seus pais deciden que esa inmunización é oportuna, que é boa e vacinan os seus fillos e as súas fillas. Por outra parte, tiñamos os grupos de risco, estes nenos con maior idade -non neonatos-, pero que teñen calquera patoloxía, que tamén hai unha cobertura que supera o 96 %. E tiñamos que recaptar os nenos que naceran dende o 1 de abril e en dúas semanas estamos no 81 %". 

Sobre esta inmunización, a directora xeral explicou que dende este venres 20 de outubro xa está dispoñible o procedemento a través de cita previa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade