Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 2.000 mortos en Libia polo ciclón Daniel

Máis de 2.000 mortos en Libia polo ciclón Daniel

Ademais dos falecidos hai 1.200 persoas desaparecidas

G24.gal 11/09/2023 19:23 Última actualización 11/09/2023 19:43

Máis de 2.000 persoas perderon a vida e 1.200 atópanse desaparecidas como consecuencia do ciclón Daniel, que azouta desde o domingo a zona nororiental de Libia, informou o xefe do Goberno paralelo do leste, Osama Hammad. O responsable cualificou a situación na cidade de Derna, a máis afectada polas choivas torrenciais, de "catastrófica".

"Os desaparecidos son miles, barrios enteiros desapareceron xunto aos seus residentes levados por un mar", alertou Hammad.

As precipitacións superaron os 400 mililitros por hora, unha cifra que non se rexistrou nas últimas catro décadas, segundo o Centro Nacional de Metereoloxía. O membro do Consello Municipal de Derna Ahmed Amdur pediu unha intervención internacional "urxente" para "salvar a cidade".

O afundimento de zonas residenciais e o colapso de edificios e infraestruturas públicas e privadas rematou co peche das rutas terrestres, polo que Amdur reclamou abrir un corredor marítimo para asistir os habitantes.

O primeiro ministro do Goberno de Unidade Nacional, Abdulhamid Debiba, con sede en Trípoli, prometeu que o Estado indemnizará todos os afectados polas inundacións e decretou tres días de loito polas vítimas. Ao mesmo tempo anunciou o envío a Derna de medio cento de ambulancias e un equipo de 75 médicos e enfermeiros así como un convoi para reforzar os hospitais rurais.

 A Misión de Nacións Unidas en Libia  declarou nun comunicado que segue de preto a situación de emerxencia e "a súa dispoñibilidade para brindar apoio aos afectados".

Tras azoutar Grecia e Turquía nos últimos días, o ciclón Daniel foi degradado a tormenta subtropical. Agárdase que se debilite no país magrebí a partir deste luns mentres se dirixirá cara ao veciño Exipto, segundo un informe do Centro Meteorolóxico Rexional Árabe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar