Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mais de 2.000 refuxiados ucraínos en Galicia buscan traballo e vivenda

Mais de 2.000 refuxiados ucraínos en Galicia buscan traballo e vivenda

Anna Bilyk fuxiu de Kíiv embarazada e acaba de dar a luz na Coruña lonxe do pai do cativo

A asociación AGA-Ucraína apela á solidariedade dos galegos para seguir enviando axuda humanitaria 

 

Anna Bilyk co seu bebé e Óscar Madarro, presidente da Asociación AGA-Ucraína
G24.gal 25/08/2022 13:32

Seis meses despois da chegada a Galicia dos primeiros refuxiados ucraínos que fuxiron da guerra, a súa situación comeza a ser complicada. Remata o período de compromiso das familias que os acolleron e teñen moitas dificultades para atopar vivenda e traballo pola barreira do idioma. A maiores pesa tamén a súa incerteza sobre os familiares que deixaron no país, onde o conflito bélico continúa.

Anna Bilyk é unha dos máis de 2.000 refuxiados ucraínos que chegaron a Galicia fuxindo da barbarie. No seu caso para salvar a vida do bebé que esperaba e que acaba de nacer no exilio, na Coruña. Séntese a gusto en Galicia pero emocionalmente a situación é difícil porque, como explica, o pai non coñece ao bebe e non sabe cando poderá coñecelo porque segue no país sen poder saír.

Viven con anguria a evolución do conflito que temen vai para longo. A esa tensión, súmanse as dificultades ás que agora se enfrontan aquí para subsistir. Moitos vivían dos aforros ou das familias de acollida, pero agora deben independizarse. Pero atopar traballo, coa barreira do idioma e as súas circunstancias é complicado como explica Oscar Madarro, Presidente da Asociación AGA Ucraína.

Outro dos problemas é atopar vivenda. A maioría reside en casas de acollida, pero o compromiso era por un período de 6 meses que está rematando. O presidente de AGA Ucraína explica que teñen dificultades para atopar vivenda porque hai pouco mercado de alugueiro, pídenlles avais, e non poden afrontalo.

Desde a asociación AGA-Ucraína apelan tamén á solidariedade dos galegos para poder seguir enviando axuda humanitaria a Ucraína. Precisan alimentos e cartos para mercar equipamentos médicos e medicinas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade