Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 90 focos de lume continúan activos en Asturias

Máis de 90 focos de lume continúan activos en Asturias

375 persoas tiveron que ser evacuadas pola proximidade dos incendios ás súas casas

Reabre ao tráfico a autovía entre Asturias e Galicia pechada polos incendios

Monte Naranco, ao carón de Oviedo
G24.gal 31/03/2023 08:49 Última actualización 31/03/2023 16:35

Os incendios forestais estanse cebando co norte peninsular. Entre Asturias e Cantabria hai máis de 90 focos activos, segundo datos de primeira hora desta tarde. Son 30 menos dos que había ás 10:30. A maioría deles, segundo as autoridades, foron intencionados. O lume xa chegou ao Parque Nacional dos Picos de Europa

Adrián Barbón, presidente do Principado de Asturias insistía: "enfrontámonos a terroristas. Hai un auténtico terrorismo. Non se pode explicar doutro xeito máis que por actuacións coordinadas".

A proximidade do lume obrigou a levar a cabo o desaloxo de 375 persoas. Case todas elas son residentes en concellos da parte occidental do Principado, en Allande, Aller, Belmonte de Miranda, Valdés, Tineo e Villayón, aínda que tamén produciron en Oviedo, Siero e Llanera, na área central, e en Piloña, no oriente.

O polideportivo de Luarca serve de albergue provisional para os desaloxados que aínda non se recuperaron dunha noite demasiado longa.

Contan que foi "brutal porque se revolveu o aire e levaba todas as chispas cara ás casas. Vímonos moi apurados" e "horrible. Agardando a que amencera para ver se libraban as casas e sobre todo as persoas".

En Oviedo arden as ladeiras do monte Naranco. Esta mañá aínda son visibles desde a cidade a intensa fumareda e as lapas que van desde a media altura ata o cumio.

Abre ao tráfico a Autovía do Cantábrico

A autovía A-8, que comunica Asturias con Galicia e que permanecía cortada desde a pasada medianoite entre os quilómetros 441 e 444 en Cadavedo pola proliferación dos incendios forestais, reabriu ao tráfico pasadas as 11:00 horas deste venres, segundo informou a Delegación do Goberno.

Unha apertura que foi acollida con alivio polas ducias que condutores que se viron atrapados e pasaron a noite no propio vehículo ou en estacións de servizo. "Somos uns mariñeiros que imos de volta para A Coruña para pasar a fin de semana de descanso e levamos aquí 12 horas, atrapados esperando a que cese o lume", explicaba nas redes sociais un mariñeiro coruñés.

Pola súa banda, tamén se circula xa pola a N-634, que tamén comunica o Principado e Galicia, e que permaneceu cortada nos dous sentidos sen desvíos alternativos, do mesmo xeito que a N-632, que une os municipios asturianos de Valdés e Ribadesella. 

Os fortes refachos de vento de ata 100 km/h e as temperaturas altas, de ata 28 graos, volveron complicar unha noite máis os labores de extinción dos múltiples focos de lume que están arrasando Asturias desde hai días, sobre todo na vertente occidental.

Un amplo dispositivo con case 700 efectivos, reforzado coa Unidade Militar de Emerxencias nas últimas horas, leva días loitando contra uns focos que, segundo o presidente asturiano e a delegada do Goberno, son claramente intencionados. 

Pero non só á comunidade asturiana, o lume tamén está afectando Cantabria. Hai unha trintena de incendios activos. Un deles estendeuse xa ao Parque Nacional dos Picos de Europa tras iniciarse no concello asturiano de Cabrales. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade