Máis de 900 afectados denuncian unha macrofesta de Noitevella en Lugo
Máis de 900 afectados denuncian unha macrofesta de Noitevella en Lugo
Segundo contan os asistentes, vendéronse máis de 2.000 entradas para un local coa metade de capacidade
Unha macrofesta para celebrar a Noitevella en Lugo acabou converténdose nun desastre para centos de rapaces. Tanto é así que algúns dos asistentes estanse a xuntar para denunciar os organizadores.
Din que se venderon máis de dúas mil entradas para un local cunha capacidade oficial de novecentas corenta persoas. As consecuencias foron longas ringleiras para entrar, esperas eternas para pedir unha consumición e pelexas e empurróns para coller os autobuses de volta á cidade.
"Nós pensabamos que ía ser unha das mellores noites do ano, coma sempre, pero nada, non foi así, foi horrible para todos", lamenta Lucía Piroscia, unha das asistentes á festa.
Máis de 900 damnificados estanse a organizar para presentar unha demanda. Din que non é só polos cartos, senón porque chegaron a temer que se producise algunha desgraza.
"A nosa intención é intentar conseguir que isto non volva pasar, sobre todo porque xa só polo perigo en que nos puxeron foi incrible. Creo que se chega a haber un incendio, unha persoa se desmaia, hai unha avalancha... e de aí non saímos nin a metade da xente", confesa Lucía Piroscia.
Mentres, os promotores da macrofesta e o propietario do local culpabilízanse mutuamente do acontecido.