Máis de catro horas de exame para decidir o seu futuro na sanidade pública
Máis de catro horas de exame para decidir o seu futuro na sanidade pública
Algo máis de 30.000 persoas optan as prazas ofertadas polo Ministerio de Sanidade nas categorías de medicina, enfermería, farmacia, psicoloxía , bioloxía, física e química
A maior oferta está en medicina con 8.772 prazas e poderán elixir a especialidade médica a que queren dedicarse no futuro
Dos case 2000 aspirantes que este sábado optaban a unha das prazas de formación sanitaria especializada, 1.382 examinábanse en Santiago e 523 en Vigo. Despois de meses de preparación, chegaba o momento de enfrontarse a unha proba que comezaba ás catro da tarde en 28 provincias de toda España.
"Bastante controlados, dentro dun rato xa veremos".
"Agora o maior traballo xa está feito, entón tranquilidade".
O Ministerio de Sanidade oferta 11.607 prazas, 638 delas en Galicia. A maioría dese total, é dicir 8.772, son para os futuros médicos internos residentes.
"Son bastantes, así que nese sentido estamos tranquilos e contentos".
"A maioría dos que nos presentamos temos a nosa praza ou imos ter a nosa praza. O máis difícil é que che toque xusto a que ti queres".
Dentro de medicina, unha das especialidades con maior oferta é a familiar e comunitaria.
"É a especialidade que máis prazas ten, entón iso pois xera un pouco de tranquilidade á hora de facer o exame".
Outra das categorías con máis prazas é a de enfermería, con algo máis de 2.100, farmacia con 340 e psicoloxía con 247. Física 48, química 27 ou bioloxía con 65, son as que menos teñen.
Os exames, tipo test, duraron máis de catro horas e tiveron duascentas preguntas con catro opcións de resposta e dez preguntas de reserva. As notas provisionais faranse públicas este venres 26 de xaneiro.