Máis expectativas ca resultados no arranque da campaña da lamprea no Ulla
Máis expectativas ca resultados no arranque da campaña da lamprea no Ulla
Un restaurante de Negreira pagará 200 euros polo primeiro exemplar
Prevese que a campaña sexa boa pola chuvia do outono
A lamprea rozará os 40-50 euros durante a temporada, que dura ata o 18 de abril
Arrincou a campaña da lamprea no río Ulla con máis expectativas que resultados no primeiro día. Oito baleiros das confrarías do Carril e Rianxo retiraron esta mañá as nasas que fondearon onte, pero as capturas non foron tan abundantes como agardaban. Aínda así, confían en que a campaña, que se estenderá ata o 18 de abril, sexa boa porque as condicións do tempo no outono foron óptimas para esta especie.
Había moita expectación esta mañá na beira do Ulla en Pontecesures por ver as primeiras lampreas da campaña. Oito baleiros, dos 14 que teñen licenza, fondearon onte as nasas e á media mañá, coincidindo coa subida da marea, saíron retiralas. As previsións a priori eran optimistas.
A primeira lamprea que pesque Xosé xa ten incluso comprador: un restaurante de Negreira, que pagará 200 euros polo exemplar. Pero estes non serán os prezos de mercado durante a temporada. Xosé explica que rozara os 40 ou 50 euros. Un dos baleiros máis madrugadores asegurounos que collera a primeira, pero non a quixo amosar. Mentres gravamos esta información, a embarcación de Xosé, na que ademais se enrolou a súa muller por primeira vez, aínda non collera ningún exemplar. Mellor sorte tiveron noutra. Colleron 3 lampreas, a máis grande anda no quilo e medio.