Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tráfico incrementa os controis de drogas e alcol durante as festas

Tráfico incrementa os controis de drogas e alcol durante as festas

Está previsto un importante aumento de desprazamentos nas vías galegas

Estradas e autovías, sen esquecer estradas secundarias, terán máis vixilancia 

G24.gal 24/12/2023 14:13 Última actualización 24/12/2023 14:56

Os embotellamentos rexistrados nos últimos días nas cidades galegas xa avisaban de que a deste ano ía ser unha das operacións de tráfico do Nadal de maior volume dos últimos anos.

Dous millóns setecentos mil desprazamentos prevé a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que se produzan durante estas datas festivas, un millón máis que o ano pasado e un 25 % máis que antes do confinamento. Con estas cifras, a Garda Civil incrementará os controis aos condutores.

"Ímonos centrar sobre todo no control de alcoholemia, control doutro tipo de substancias incompatibles coa condución, das distraccións e tamén co exceso de velocidade", anuncia Manuel Julio Meléndez, tenente da Garda Civil de Tráfico do destacamento de Santiago de Compostela.

Tamén lembra que na seguridade viaria interveñen moitos factores, pero que a responsabilidade dos condutores resulta fundamental.

"Factores como a formación, a mellora das infraestruturas e dos vehículos;  loxicamente, temos que seguir mantendo un nivel de vixilancia da normativa, que para iso estamos nós e outros corpos policiais: para lembrar aos condutores que non cumpren as normas que hai que cumprilas porque salvan vidas", asegura.

Os axentes de tráfico prestarán especial atención ás grandes vías de comunicación entre cidades, así como as estradas secundarias onde se rexistran a maioría de accidentes.

Non hai que esquecer que no que vai de ano xa se produciron oitenta e dous falecementos nas vías galegas, equiparándose ás cifras do ano pasado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade