Malpica segue recorrendo á auga embotellada
Malpica segue recorrendo á auga embotellada
Levan unha semana sen poder beber da billa por mor de altos niveis de trihalometanos no subministro
As restricións ao consumo de auga doméstico continuarán durante esta semana en Malpica, aínda que dende o Concello confían en que as analíticas resulten positivas e permitan recuperar a normalidade canto antes.
"Tiñámolo moi preto de dar ben, pero volveron dar mal e temos que seguir limpando e purgando, e facendo melloras na ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable)", afirma o alcalde de Malpica, Eduardo Parga.
Os residentes deste concello da Costa da Morte levan toda a semana pasada empregando auga embotellada para cociñar e beber despois de que a Consellería de Sanidade informara de que a auga non era apta para o consumo por mor dos altos niveis de trihalometanos.
Todo apunta a que a seca, e a maior concentración de materia orgánica no río, aumenta a presenza destes compostos químicos no proceso de potabilizacion, que en niveis altos poden resultar prexudiciais para a saúde.
"Temos que ter paciencia, porque o problema está en que o río non leva auga, e a materia orgánica que leva, ao clorar, produce isto. Non é nada que nos vaia matar, pero hai uns parámetros e Sanidade di que a partir daí non se debe ter o consumo humano", asegura o rexedor malpicán.
Dende que saltou a alarma, os veciños recorren á auga embotellada para o consumo, aínda que poden seguir utilizando a subministración doméstica para a hixiene persoal e outros usos.
O concello malpicán está a repartir garrafas de auga tanto na vila coma nas parroquias para o que habilitou un espazo na rede social Facebook onde se poden consultar as horas e as zonas de entrega dos recipientes.
Dende a alcaldía informan que hoxe continuarán coas analíticas na auga e se nos vindeiros días obteñen resultados satisfactorios, procederán a eliminar as restricións ao consumo.