Manifesto conxunto de ERC, Bildu, CUP e BNG contra o decreto de reforma laboral
Manifesto conxunto de ERC, Bildu, CUP e BNG contra o decreto de reforma laboral
Os catro partidos piden que se tramite como proxecto de lei para introducir cambios
Pontón: "Esta reforma laboral non cumpre o compromiso do PSOE e Podemos coa cidadanía"
Pedro Sánchez volve pedirlles a validación do texto acordados cos axentes sociais
Fronte común de catro partidos que suman 21 escanos no Congreso. Nunha declaración conxunta, piden que a reforma laboral se tramite como proxecto de lei para poderen introducir emendas no texto acordado con sindicatos e patronal. Se o Goberno non accede, o próximo xoves, Bildu, a CUP e o BNG votarán en contra do decreto.
Esquerra Republicana aínda deixa a porta aberta porque, de momento, continúan negociando con Yolanda Díaz. O seu deputado Jordi Salvador recoñecía que "hai un intento pola súa parte, pero isto é unha coalición de goberno e hai persoas que exerceron o veto".
Aínda así, o bloque da investidura agarda que o executivo dea o brazo a torcer. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que "o Goberno de Podemos e do PSOE ten que rectificar e cumprir o seu compromiso coa cidadanía".
Pero o presidente Pedro Sánchez insiste en que non se mova unha coma do texto. Hoxe volveu pedirlle "ao poder lexislativo, aos grupos parlamentarios, que convaliden unha boa reforma laboral".
Polo momento, ten o apoio provisional de Ciudadanos. Conscientes de que non dan as contas, miran a outras bancadas e o seu voceiro, Edmundo Bal, pediulle ao PNV que se comporte "con sensatez".
Buscan a abstención dos vascos, porque a do PP parece descartada. "Como non nos chamaron, mantémonos na nosa posición", aseguraba esta mañá o líder do partido, Pablo Casado.