Publicador de contidos
Publicador de contidos

O arroaz Manoliño cambia a ría de Muros e Noia pola enseada de Corcubión

O arroaz Manoliño cambia a ría de Muros e Noia pola enseada de Corcubión

A Cemma recorda que a lei prohibe interactuar cos arroaces

Ducias de persoas bañáronose co animal nas praias de Fisterra

Manoliño interactúa cos barcos da Escola de vela de Corcubión todos os días
G24.gal 06/08/2024 14:24

Nin a brétema da fin do mundo agocha a Manoliño, un arroaz adolescente de tres metros e 400 quilos ao que tamén lle chaman Confi. Os nenos que aprenden a navegar na escola de vela do Club Marítimo Carrumeiro de Corcubión xa están afeitos a el. 

Noemí Bermúdez de Castro, monitora, di que desde o 1 de xullo todos os días ás dez en punto da mañá esta agardando na rampla. "Acompáñanos durante a navegación e interactúa poñéndose debaixo e xogando cos usuarios e os barcos".

Un rapaz mira o arroaz desde a rampla do porto de Corcubión Un rapaz mira o arroaz desde a rampla do porto de Corcubión

Cinco anos na ría de Muros-Noia

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) di que o arroaz interactuou este verán cunha manda e iso fixo que cambiara a ría de Noia pola enseada de Corcubión. Manoliño pasou un lustro no interior da ría. En outubro de 2022 ata sufriu un ataque cun arpón.

Agora, Alfredo López volve chamar o sentido común e di que o contacto físico está prohibido pola lexislación, en concreto polo Decreto 1727/2007 de protección de cetáceos.

Alfredo López, membro da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma)

Comportamentos pouco edificantes

O arroaz viuse nas praias de Fisterra nos últimos días, onde os bañistas actuaron de forma pouco edificante. A Cemma di que non hai que darlle comida, non se pode tocar, nin meterse na auga con el. Agora, toca sensibilizar e educar a poboación nesta zona.

Na Escola de vela do Club Marítimo Carrumeiro de Corcubión teñen o seu propio protocolo. "Se se achega aos barcos eles saben que teñen que soltar vela, ter tranquilidade... Temos un Equipo Manoliño que cando se achega vai distraelo como se fose un cadeliño. Sabemos que nós somos os invitados e el o anfitrión e que temos que ter precaución", conta Noemí Bermúdez de Castro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade