Mantense o aviso amarelo por neve en Navarra e Asturias
Mantense o aviso amarelo por neve en Navarra e Asturias
A fin de semana deixou neve, vento e chuvia e numerosas incidencias viarias
Parte do litoral catalán ten activado o aviso laranxa polo estado do mar
A neve obrigou a activar este domingo o aviso laranxa no Pireneo navarro e aragonés e o amarelo na montaña catalá e nos Picos de Europa.
O mal tempo vai remitindo despois dunha madrugada de neve, pedrazo e chuvia que mantivo activado o aviso laranxa e amarelo nas zonas de montaña do norte e centro peninsular e boa parte do Levante por mor do vento e do estado do mar. O tempo deixou numerosas incidencias en distintos puntos da rede viaria.
Un tren con 37 pasaxeiros a bordo descarrilou a primeira hora na localidade barcelonesa de Vacarisses, a consecuencia dun desprendemento de terras. Non deixou feridos.
Durante a tarde as estradas recuperaron a normalidade aínda que Tráfico aconsella extremar as precaucións nas provincias de Burgos, León e Segovia e naquelas vías secundarias de zonas de montaña.
O aviso amarelo por neve só se se mantén en Navarra e Asturias, e Cataluña ten activo o nivel laranxa no litoral. Nas Baleares o temporal deixou chuvia e os cumes da Tramuntana amenceron cubertos de neve. Na costa os refachos de vento superaron os 100 quilómetros por hora polo que o aviso amarelo estivo activo durante todo o día.
A outra cara do temporal de neve está nas estacións de esquí dos Pireneos que coas temperaturas baixas e estas últimas precipitacións contan con chegar a Semana Santa coas pistas abertas. En Baqueira Beret teñen 120 quilómetros esquiables e un metro de espesura.