Manuel Fernández de Sousa ingresa na prisión por falsidade de contas
Manuel Fernández de Sousa ingresa na prisión por falsidade de contas
O expresidente de Pescanova cumprirá 6 anos de prisión en Soto del Real
O expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa-Faro entrou este martes na prisión madrileña de Soto del Real, onde permanecerá durante seis anos.
A xustiza condenouno por un delito continuado de falsidade nas contas anuais da compañía e por un delito tamén continuado de falsidade de información económica e financeira.
Inicialmente, a Audiencia Nacional condenárao a oito anos de cárcere. Con todo, o Supremo rebaixou a súa pena en dous anos ao absolvelo dos delitos de estafa, falsidade documental e aplicar unha atenuante por dilacións indebidas, confirmando o resto da condena por manipular as contas para captar investidores.
O ditame da Audiencia Nacional relata prácticas irregulares levadas a cabo pola antiga cúpula de Pescanova.
A sentenza indica que por mor da crise financeira de 2008, o presidente da firma galega planeou, xunto cun grupo de persoas da súa confianza, seguir obtendo financiamento a través dunha serie de mecanismos ou prácticas irregulares.
Unha vez conseguida, manipularon as contas anuais ou outros documentos oficiais que reflectían a situación financeira da empresa "para conseguir uns resultados positivos que non se correspondían coa situación real e, que, despois de ser oficialmente publicados, permitían captar novos investidores e desprazar ao financiamento bancario e as súas excesivas comisións".