Marcha de transportistas e gandeiros en Vilalba no sexto día de protestas
Marcha de transportistas e gandeiros en Vilalba no sexto día de protestas
Máis dun cento de camións concentrábanse no polígono industrial este sábado.
Uníanse tamén ás protestas furgonetas de reparto e ducias de tractores
Os transportistas contaron co apoio dos agricultores e gandeiros da zona.
Continúa o paro indefinido que secundan desde o luns pasado os transportistas. Sexto día, por tanto, de mobilizacións dun sector que denuncia unha situación que cualifica de "gravísima" e "insostible" e que, aseguran, pon en risco a súa supervivencia.
En Galicia a acción principal deste sábado foi en Vilalba. A partir das dez e media da mañá máis dun cento de camións concentrábanse no polígono industrial. Uníanse tamén ás protestas furgonetas de reparto e ducias de tractores e é que os transportistas contaron co apoio dos agricultores e gandeiros da zona.
Caravanas de camións e tractores comezaron o percorrido no polígono industrial e dirixíronse ao centro da vila. Unha vez alí manifestáronse polas as rúas e a contorna de Vilalba, un percorrido que inicialmente pretendían estender ás autovías A-6 e A-8, pero que finalmente non se produciu pola presenza de tractores. As rutas foron pactadas cos axentes da Garda Civil.
Á súa chegada a Vilalba os transportistas foron recibidos con aplausos.
Foi unha protesta que se desenvolveu sen incidentes e coa que destacan, unha vez máis, que as pemes e os autónomos supoñen o 85 por cento das empresas que compoñen o sector do transporte por estrada. Denuncian que non poden facer fronte á suba dos combustibles e dos custos de produción nun sector do que depende a subsistencia de milleiros de familias.