Buscan o mariñeiro de Porto do Son desaparecido en augas próximas a Panamá
Buscan o mariñeiro de Porto do Son desaparecido en augas próximas a Panamá
Estaba facendo garda na ponte do espadeiro no que traballaba
Tiña previsto regresar a casa o martes para iniciar as vacacións
Un mariñeiro de Porto do Son de 48 anos, tripulante do pesqueiro Cosmos, desapareceu en augas internacionais, preto de Panamá.
O barco, abandeirado en Ecuador, dedícase á pesca de peixe espada e é propiedade da empresa armadora Gude, de Ribeira.
Dirixíase a descargar a terra cando botaron en falta o mariñeiro. Estaba previsto que arribase a un peirao ecuatoriano este domingo.
"El viña facendo a garda e no cambio, o rapaz que o ía relevar chegou á ponte e non o atopou. Xa deron a voz de alarma. Non se sabe como desapareceu, se saíu fóra. Só se sabe o que dixo o compañeiro", asegura o patrón maior de Porto do Son, Tomás Fajardo.
Operativo de busca
Inmediatamente despois, varios barcos pesqueiros e medios aéreos empezaron a busca na zona onde se lle perdeu a pista.
Un total de 19 persoas forman parte da tripulación do Cosmos pero só o mariñeiro desaparecido estaba a punto de iniciar as vacacións. Tiña previsto chegar a Porto do Son o martes que vén.
Un representante da casa armadora viaxa nestes momentos cara a Ecuador.