Publicador de contidos
Publicador de contidos

María Martínez Allegue: "Confío no traspaso da AP-9 porque a xestión máis próxima é a máis adecuada"

María Martínez Allegue: "Confío no traspaso da AP-9 porque a xestión máis próxima é a máis adecuada"

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas di, nunha entrevista na Radio Galega, que a Xunta intentaría "reducir a peaxe existente" se non se materializa a gratuidade

Prevé que en 2028 empecen as licitacións para levantar 20.000 novas vivendas protexidas nos próximos anos.

Asegura que "toda vivenda protexida [...] se adxudicará a inscritos no rexistro de demandantes"

G24.gal 11/06/2024 10:49

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, amosou a súa confianza en que o Pleno do Congreso dos Deputados apoie a transferencia por parte do Estado a Galicia da xestión da AP-9, ao entender que "a xestión máis próxima é a máis adecuada". Así o manifestou nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega.

Di que "foron xa catro as veces que por unanimidade no Parlamento galego aprobamos a proposición de lei para o traspaso da AP-9. Levamos catorce anos reclamando ese traspaso e como consecuencia do anunciado na campaña electoral autonómica polo Partido Socialista, que garantiu a gratuidade tanto da AP-9 coma da A-53, esiximos tamén esa gratuidade. O que é claro é que a transferencia a levamos pedindo varios anos e confiamos en que hoxe saia adiante".

A conselleira de Planificación de Infraestruturas afirma que "nós [a Xunta de Galicia] temos capacidade suficiente para xestionar a AP-9. Por suposto, reclamamos tamén a transferencia dos fondos necesarios con ese traspaso para adecuar as melloras que son necesarias". De cara ao futuro, "intentaríamos reducir a peaxe existente. No caso de que se aprobe a gratuidade, pois a gratuidade. Aplicaríamos formas para non subir os IPC anuais. En todo caso, serían medidas que iríamos estudando unha vez sexa materializado o traspaso pero, sen dúbida, xestionariamos a autoestrada doutro modo. Non podemos obviar que as dúas autoestradas estatais que temos na nosa comunidade autónoma -a AP-9 e a A-53- son as máis caras de España".

20.000 vivendas protexidas

O Consello da Xunta acaba de aprobar unha partida de algo máis de 43 millóns de euros para facerse con terreos concentrados nas sete principais cidades e na área de Vilagarcía de Arousa para levantar nos próximos anos 20.000 vivendas protexidas en Galicia. Tamén pretende impulsar 5.000 vivendas libres.

A conselleira María Martínez Allegue explica que "fixemos un primeiro estudo preliminar para acadar este obxectivo, onde delimitamos intentando concordar o máximo posible o planeamento municipal que existe nestas áreas urbanas onde constatamos que existe maior demanda de vivenda protexida e agora o que imos facer é contactar por suposto cos concellos para verificar que esa concreción dos ámbitos que realizamos neses estudos urbanísticos coinciden coa vontade que ten o concello. Trátase, en todo caso, de solos xa urbanizables que permitirían a construción de vivendas protexidas. Imos intentar utilizar ferramentas máis áxiles que acurten prazos como son os proxectos de interese autonómico para desenvolver eses ámbitos".

Sobre se haberá que modificar plans de ordenación municipal, comenta que "nalgún caso si que teremos que modificar os plans. A modificación, en todo caso, será posterior porque esta figura de planeamento que se aproba polo Consello da Xunta permite a súa materialización sen necesidade de modificación previa de planeamento. Estou falando en concellos que non teñen o planeamento aprobado definitivamente ou en concellos onde o planeamento data de moitísimos anos, por exemplo, temos algún de 1989".

Sinala que este plan non supón "novas zonas de crecemento das cidades", xa que "se trata de [solos] urbanizables que van xa planificados nos diferentes planeamentos urbanísticos pero que non foran realmente desenvolvidos e agora o que imos facer é asumir subsidiariamente ese desenvolvemento do solo urbanizable, sempre en consonancia co concello, de modo que unha vez desenvolvida esa figura de planeamento expropiaremos o ámbito para a materialización desa vivenda protexida". 

Horizonte 2028

Sobre prazos de execución, a conselleira de Vivenda di que "estamos a falar que primeiro temos que aprobar esa figura de planeamento, que permita a materialización dese solo e desa edificación. Unha vez aprobado o planeamento temos que redactar os proxectos de urbanización, temos que licitar o proxecto de urbanización, temos que realizar o concurso de alleamento desas parcelas de resultado para que os promotores e cooperativistas accedan a esas vivendas. Estamos falando dun horizonte marcado ata o 2028 para rematar esa fase de planeamento e expropiación e iniciar xa os procesos de licitación das adxudicacións. É dicir, contamos que no 2028 poidamos iniciar xa a licitación das obras de edificación. Iso non quere dicir que, nalgún caso, a previsión sexa anterior, permita ese desenvolvemento con carácter previo e iniciemos xa a fase de urbanización. Dependerá dos trámites na materialización da planificación".

Adxudicacións segundo o rexistro de demandantes

"Toda vivenda protexida, tanto as vivendas de promoción pública coma as que fan os cooperativistas e os promotores privados, adxudícase a inscritos no rexistro de demandantes. En todo caso, faise un sorteo notarial para a adxudicación de vivendas", indica Martínez Allegue. "Duplicaremos o noso parque público de vivendas de promoción pública propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e que ten adxudicadas en réxime de alugueiro. Estamos así a desenvolver solo xa en Vigo, no plan parcial de Navia con 200 vivendas pendentes de iniciar a súa execución coa culminación do proxecto de reparcelación de urbanización e a licenza correspondente, na zona de Valdecorvos, en Pontevedra, iniciaremos nas próximas semanas 74 novas vivendas de promoción pública unha vez que o concello xa nos concedeu a licenza, temos tamén obras en 66 vivendas de promoción pública en Ourense, pendentes da concesión da licenza, iniciaremos recentemente tamén unha promoción de 40 vivendas na Coruña, tamén en Lugo e en Ferrol temos xa desenvolvido e estamos a desenvolver a construción de ata 500 vivendas de promoción pública que estamos xa executando".

Sobre se estes proxectos aliviarán a falta de vivenda que hai nestes momentos en Galicia, a conselleira María Martínez Allegue corrobora que "existe unha demanda social clarísima de acceso a vivenda. O modo non pode pasar por outro que incrementar o parque de vivenda tanto pública coma protexida. Nós reiteramos e así llo trasladamos tamén ao Ministerio correspondente que a lei de Vivenda estatal, que está vixente, está a prexudicar claramente a posibilidade de acceso toda vez que xera inseguridade xurídica no propietario, que fai que o propietario decida non alugar a súa vivenda, sometela a outros usos como os usos turísticos, incluso vendela, ou simplemente deixala para futuros familiares. É claro que existen na actualidade vivendas baleiras, que teñen que ter a súa posta no mercado e neste senso consideramos que a lei estatal non é unha medida para iso".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade