Un violento asalto ao valo de Melilla deixa 18 migrantes mortos e as ONG piden que se investigue
Un violento asalto ao valo de Melilla deixa 18 migrantes mortos e as ONG piden que se investigue
Organizacións non gobernamentais aseguran que hai 27 mortos
Corresponsabilizan a España da traxedia e critican as declacións de Pedro Sánchez
Varias ONG de axuda a migrantes esíxenlles a España e Marrocos unha investigación sobre o sucedido este venres durante o intento masivo de saltar o valado de Melilla. Estas organizacións elevan a 27 o número de migrantes falecidos. Mentres, Rabat fala de 18 vítimas mortais e 140 policías marroquís feridos, cinco graves.
Son imaxes distribuídas pola Asociación Marroquí polos Dereitos Humanos. Varios axentes intentan levantar un dos numerosos migrantes tendidos no chan. Despois comproban se está vivo ou morto.
O último informe oficial de Marrocos eleva a 18 o número de migrantes falecidos este venres no intento masivo de máis de 2.000 subsaharianos de cruzar o valado de Melilla. As autoridades do país magrebí aseguran que os trece migrantes feridos durante os incidentes morreron pola noite como consecuencia da gravidade das lesións. Ademais, admiten que 140 policías quedaron feridos, dos que cinco están ingresados no hospital con feridas graves. Pero negan que se rexistrasen mortos entre as súas forzas de seguridade.
Este sábado, varias ONG, como a Asociación Marroquí polos Dereitos Humanos de Nador ou Caminando Fronteras, aseguran que houbo polo menos 27 vítimas mortais e que tamén faleceron dous policías marroquís. Denuncian que os migrantes agonizaron durante horas e advirten contra calquera intento de soterralos antes de investigar o sucedido e determinar responsabilidades.
Desde España, a Asociación pro Dereitos Humanos de Andalucía ou o Foro Galego de Inmigración apuntan ao Goberno español como corresponsable e lamentan as declaracións do presidente Sánchez gabando o labor de Marrocos.
Segundo a Delegación do Goberno en Melilla, a noite foi tranquila e non houbo máis intentos de entradas irregulares. Na do venres, uns 500 subsaharianos conseguiron entrar na cidade. 130 foron derivados ao Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes. Na parte española, o asalto deixou 49 gardas civís e 57 migrantes con feridas leves.