Matan a tiros en México o empresario galego Carlos Estévez Álvarez
Matan a tiros en México o empresario galego Carlos Estévez Álvarez
O home, natural de Avión, tiña negocios na capital mexicana
A súa familia viaxou a México DF para asistir ao enterro
O empresario Carlos Estévez foi asasinado á porta do seu hotel en México DF. Segundo fontes próximas á familia, o crime produciuse o sábado. Varias persoas entraron no seu establecemento para roubarlle a recadación e acabaron matándoo.
O home, de 66 anos, era natural de Casar do Nabo, en Avión. O seu irmán viaxou a México para coñecer máis datos da investigación e para asistir ao enterro. Tamén viaxaron familiares da muller do falecido, natural de Espiñeiro.
A noticia estendeuse deseguida por todo Avión. O concello conta cunha importante comunidade de emigrados en México. Varios veciños lamentaron o clima de violencia que teñen que soportar nese país. Pero ninguén quere falar á cámara ou que se diga o seu nome. Todos teñen algún familiar en México e temen represalias.