Publicador de contidos
Publicador de contidos

Medra o prezo do litro de leite en orixe e nos lineais dos supermercados

Medra o prezo do litro de leite en orixe e nos lineais dos supermercados

Baixou a produción de leite en Galicia e en toda Europa

G24.gal 14/06/2022 14:46

O prezo do cartón do leite subiu lixeiramente nos últimos meses. Unha tendencia á alza que vai continuar segundo o sector gandeiro galego. Detrás está o incremento dos custos nas explotacións, a escaseza de forraxes e o descenso na produción de leite en Galicia e en toda Europa.

Hai menos produción de leite porque hai menos vacas. En Galicia estase reducindo moito a cabana gandeira. Os custos son altos e non se pode malgastar comida con animais de baixa produción, di o nutrólogo Javier Murias.

A suba do combustible, da electricidade, dos cereais e dos pensos, sumado ao descenso na produción de leite, repercute á alza no prezo do litro.

Manuel Sandamil, presidente de AFRICOR, di que a suba dos insumos hai que repercutila. Están subindo os prezos, pero aínda é insuficiente para os custos de produción. "O gandeiro non vai asumir os incrementos para que o consumidor compre máis barato", di Javier Murias

O prezo que as industrias pagan aos gandeiros galegos subiu entre tres e catro céntimos. Xosé González, conselleiro de Medio Rural, di que é importante que se manteña esta suba para poder vender sempre por riba dos custes de produción. 

Os gandeiros consideran que a tendencia á alza vai continuar para produtores e consumidores.
No mes de abril algunhas industrias pagaron o litro aos gandeiros a 40 céntimos, algo que non ocorría dende hai moito tempo.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade