Meteogalicia rexistra temperaturas de ata 22 graos na auga do mar
Meteogalicia rexistra temperaturas de ata 22 graos na auga do mar
O incremento da temperatura da auga do mar terá consecuencias na fauna mariña
Os expertos advirten de que o ascenso térmico rexistrado no Mediterráneo nos últimos vinte anos pode atraer novas especies de medusas e provocar a perda de especies autóctonas
Nas illas Cies a auga acadou os 22 graos este verán, cando o máis habitual son os 18 graos. Para Meteogalica trátase dunha suba "anómala e moi significativa".
No mes de xuño chegamos a rexistrar valores superiores aos 20 graos nas zonas externas. Nas illas Cíes chegamos a ter unha máxima de 22 graos, estamos falando de mar aberto case. Cando nos achegamos ás praias temos temperaturas mesmo superiores. Calquera día que a temperatura supere os 20 graos na costa atlántica da Coruña e Pontevedra é unha anomalía moi significativa, di Xoán Taboada.
A explicación destas temperaturas máis cálidas da auga podería estar na menor presenza de ventos de dirección norte.
Esta anomalía vímola notando dende abril. Este ano a primavera tivo unha circulación bastante anómala coas baixas presións, baixando máis ao sur do habitual e con compoñente sur. A hipótese máis probable é que estes ventos trouxeran augas cálidas, procedentes das zonas tropicais que despois a circulación non foi capaz de disolver, di Taboada.
Os expertos subliñan que os cambios na temperatura poden afectar os ecosistemas mariños. Din que as augas cálidas do Mediterráneo, onde chegaron aos 30 graos, facilitan a entrada de novas especies de medusas.
Pode supor o aumento da poboación de medusas que non existían antes, máis perigosas e urticantes, que están trasladándose a un hábitat no que se senten cómodas e desprazando as autóctonas, di Mario Romero do Oceanográfico de Valencia.