Moitas dubidas sobre o novo imposto ao plástico dun só uso que entra en vigor en xaneiro
Moitas dubidas sobre o novo imposto ao plástico dun só uso que entra en vigor en xaneiro
Preocupa canto vai encarecer a cesta da compra. A previsión é que se pagará 0,80 euros por quilo de plástico
Aínda non se sabe como se vai aplicar e desde distintas asociacións e a industria agroalimentaria piden que se atrase a súa entrada en vigor
Dentro duns días entra en vigor o novo imposto sobre o plástico dun só uso: embalaxes, o film co que envolvemos os alimentos, algunhas botellas ou toda a gama de vasos, cubertos e pratos de plástico.
"Que lle vaia ao peto a un sempre é un aliciente para reducir o consumo", di un consumidor, outra engade: "É unha medida necesaria para reducir o consumo e que as empresas tomen conciencia de reducir os envases e embalaxes".
A UE quere ata o 2030 reducir nun 70 por cento este tipo de plásticos.
"Queremos preservar a natureza, a saúde, non podemos pretender que iso sexa de balde", comenta un consumidor.
Esa é unha das preocupacións no consumidor, canto vai encarecer a cesta da compra. A previsión é que se pagará uns 0,80 euros por cada quilo de plástico.
"Outro sobreimposto, non sei se é a medida correcta para que deixemos de usalo", asegura unha cidadá, e outra engade "sempre que sexa un imposto razoable paréceme ben".
A outra dúbida é como se vai aplicar.
"Non está claramente definido cal vai ser a base impoñible e como se vai delimitar esa base impoñible do imposto, hai tamén falta de planificación no senso de que estamos a seis días escasos de que entre en vigor e non temos un regulamento", explica a profesora e investigadora da USC, María Bastida.
A industria agroalimentaria fala de perdas millonarias e pide que se atrase a súa entrada en vigor, pero o Goberno ten pouca marxe de manobra, xa que é unha das medidas do acordo coa UE para a recuperación económica.