Repoboan con morcegos as parroquias de Moaña para minguar a poboación de mosquitos tigre
Repoboan con morcegos as parroquias de Moaña para minguar a poboación de mosquitos tigre
Os afectados aseguran que case non poden saír da casa porque volven cheos de picaduras por todo o corpo
Beatriz e María, dúas veciñas de Moaña, contábannos como é a súa difícil convivencia cos mosquitos tigre. Aseguran que case non poden saír da casa porque volven cheos de picaduras por todo o corpo. Picaduras que doen e que lles impiden durmir polas noites.
Porén, non queren perder a batalla contra esta especie invasora e buscan solucións a longo prazo. Entre outras, a repoboación de morcegos nas parroquias. Explican que se deron conta de que estes animais reduciron o seu número como consecuencia da intervención humana e pensan que axudalos a aniñar e a poder reproducirse pode contribuír a minguar a poboación de mosquitos tigre xa que son depredadores naturais.
O Concello de Moaña tamén está implicado neste proxecto no marco do Comité de Seguimento do Mosquito Tigre, creado para loitar contra un problema de sanidade pública.