Morre a muller rescatada do mar e evacuada da praia dos Castros, en Ribadeo
Morre a muller rescatada do mar e evacuada da praia dos Castros, en Ribadeo
Á muller, que era veciña de Oviedo e estaba de vacacións en Galicia, trasladárona o venres en ambulancia medicalizada ao hospital tras tratar de reanimala no areal durante dúas horas
Unha muller de 49 anos, veciña de Oviedo, que estaba na localidade de vacacións, faleceu tras estar a punto de afogar na tarde do venres e sufrir fortes golpes contra as rochas no areal dos Castros.
Morreu no hospital da Mariña, lugar á que a trasladaron os servizos sanitarios do 061, tras intentar reanimala durante dúas horas na praia.
Un aviso dun particular pasadas as seis da tarde do venres mobilizou as emerxencias ante a presenza dunha muller aboiando na auga. Uns bañistas que estaban nos Castros lograron sacala do mar, pero cando a rescataron xa estaba en parada cardiorrespiratoria.
Axentes da Policía Local e da Garda Civil participaron nos traballos de reanimación ata a chegada dos servizos sanitarios que intentaron recuperala mediante manobras de reanimación. Unha vez estabilizada, trasladárona ao hospital da Mariña, onde finalmente morreu.
Ao parecer, a marea arrastrou a muller ata unha zona de rochas da praia de Ribadeo, onde aínda non estaba operativo os servizo de socorristas. Ata o lugar desprazáronse axentes da Garda Civil. da Policía Local e efectivos de Protección Civil de Ribadeo e Barreiros. Tamén se lle deu aviso do accidente ao helicóptero Pesca 2 de Gardacostas da Xunta e a Salvamento Marítimo pero non chegaron a actuar.