Mata a súa parella en Valencia diante do fillo e logo suicídase
Mata a súa parella en Valencia diante do fillo e logo suicídase
O tráxico suceso rexistrouse na localidade de Antella
O agresor acoitelou á muller e despois degolouse en presenza do menor de 12 anos
Un home de 53 anos asasinou presuntamente a súa parella, unha muller de 38 anos de nacionalidade marroquí, a coiteladas, no interior da vivenda familiar, no municipio de Antella en Valencia, e despois suicidouse degolándose.
A Garda Civil informa de que os feitos producíronse contra as 15:00 horas deste domingo en presenza dun fillo en común de doce anos de idade, que se atopaba na casa.
Conforme as primeiras investigacións, a parella estaba en trámites de separación. A Policía Xudicial de Valencia instrúe dilixencias abertas polo Xulgado de Garda de Alzira.
De confirmarse como un caso de violencia machista, sería o segundo que se produce esta fin de semana despois de que outra muller, de 34 anos e orixe siria, fora asasinada onte en Logroño pola súa parella, un home de 44 anos que foi detido posteriormente cando tentaba afogar o seus tres fillos menores de idade no río Ebro.
Ata o momento, o Ministerio de Igualdade confirmou un total de 25 asasinatos machistas no que vai de ano, 1.209 desde 2003, e existen dous casos máis en investigación.
Segundo os datos facilitados por este departamento, 26 menores quedaron orfos de nai por culpa da violencia de xénero.
Para atender posibles vítimas de violencia machista, os recursos dispoñibles as 24 horas do día son o teléfono 016, o correo electrónico 016-online@igualdad.gob.es e a canle do WhatsApp no número 600 000 016.
Nunha situación de emerxencia pódese chamar ao 112 ou aos teléfonos de emerxencias da Policía Nacional (091) e da Garda Civil (062) e, cando a chamada é imposible, pódese recorrer á aplicación ALERTCOPS, desde a que se enviará un sinal de alerta á Policía con xeolocalización.