Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un home ao caer ao mar co coche no peirao boirense de Escarabote

Morre un home ao caer ao mar co coche no peirao boirense de Escarabote

A Garda Civil de Tráfico investiga as causas do sinistro

Momento no que o guindastre retira o coche da auga
G24.gal 23/12/2023 08:40 Última actualización 23/12/2023 14:50

A Garda Civil de Tráfico xa está a investigar as circunstancias que rodean a morte dun condutor que se precipitaba ao mar no porto de Escarabote, no concello de Boiro, sobre as once da noite deste venres.

"Unha patrulla de seguridade cidadá recibiu un aviso de que caera un coche dende o peirao de Escarabote. Dende o primeiro momento non se observa onde está o vehículo somerxido na auga. Avísase ao equipo GEAS da Garda Civil, que son os que finalmente conseguiron suxeitar o turismo cun guindastre. Sacámolo da auga e a partir de aquí comeza a nosa investigación", relata o Tenente da Garda Civil de Tráfico, Manuel Julio Meléndez.

Un particular daba aviso de que un coche acaba de caer ao mar tras escoitarse unha forte aceleración. A maior preocupación era cantas persoas podían ir no vehículo, pero un mergullador local conseguiu comprobar que se trataba só do condutor, un home de 32 anos moi coñecido en Boiro, aínda que lle foi imposible rescatalo.

"En principio os indicios apuntan a que se trata dun veciño de Boiro, estamos pendentes de identificalo ao cento por cento. Efectivamente, só era unha persoa (que ía no vehículo)", comentaba José Ramón Romero, alcalde de Boiro.

Sobre as tres da mañá uns mergulladores do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil conseguiron acceder ao coche somerxido para rescatalo cun guindastre. Unha vez na superficie, xa puideron acceder á vítima, e os servizos médicos certificaban o seu falecemento.

Xa coa luz do día podíase ver mellor o lugar por onde se precipitou o coche ao mar, xusto entre os barcos bateeiros e a varanda do peirao. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade