Morre un traballador ao caer desde 10 metros de altura nunha nave en Santiago
Morre un traballador ao caer desde 10 metros de altura nunha nave en Santiago
A vítima é un pontevedrés de 38 anos, que traballaba na cuberta da nave para unha empresa subcontratada
Enviaron ao lugar do sinistro unha UVI móbil, dado que a persoa estaba en parada cardiorrespiratoria, pero a pesar das manobras de reanimación non puideron facer por salvarlle a vida
Expertos en riscos confirman un aumento de accidentes laborais en cubertas, polo aumento de instalacións fotovoltaicas
Un operario faleceu este martes en Santiago de Compostela tras sufrir unha caída de 10 metros de altura mentres traballaba no interior dunha nave propiedade da empresa Castrosua. A vítima é un home de Pontevedra, de 38 anos, que traballaba para unha subcontrata nunha obra na cuberta da nave.
Segundo informa a central de emerxencias, minutos antes das nove desta mañá, o 112 Galicia recibiu un aviso a través de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por un operativo na estrada da Coruña, N-550, en Santiago, debido a un traballador que caera dunha altura aproximada de 10 metros.
Enviaron ao lugar do sinistro unha UVI móbil, dado que a persoa estaba en parada cardiorrespiratoria, pero a pesar das manobras de reanimación non puideron facer nada por este traballador.
Así, pouco despois, confirmaron o seu falecemento tanto o equipo médico como a patrulla da Policía Nacional, que se desprazou ao lugar dos feitos despois de recibir a chamada do 112.
Dende o momento do accidente a nave permaneceu pechada a cal e canto para evitar as miradas alleas. Ao longo da mañá apenas se puido ver entrar e saír algún responsable da empresa, a persoal do ISSGA, o Instituto de Seguridade e Saúde no Traballo e a Policía Nacional, que dirixe a investigación.
O propio ISSGA acaba de lanzar campañas de prevención de riscos en cubertas pola alta sinistralidade laboral. Expertos en riscos confirman un aumento deste tipo de accidente, debido á alta demanda de instalacións fotovoltaicas en teitos que non sempre están en bo estado.
Castrosua é unha empresa especializada en carrocerías de autobuses. Agora no verán, aproveitando que baixa o ritmo de traballo por vacacións, son varias as subcontratas que están a realizar obras no interior da nave.