Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un veciño de Melón polas picadas de avespas velutinas

Falece un veciño de Melón polas picadas de avespas velutinas

Ocorreu na localidade do Coruxal e toda a veciñanza está moi preocupada pola presenza das avespas asiáticas

O home, de 71 anos, estaba trasladando o mel das súas colmeas cando sufriu o ataque dos insectos

Malia o esforzo dos equipos médicos non puideron salvarlle a vida

A poboación, a maioría de idade avanzada, está alarmada e pide que retiren polo menos cinco niños 

Preocupación entre a veciñanza do Coruxal polo aumento de niños de velutinas
G24.gal 26/08/2023 21:27 Última actualización 26/08/2023 21:59

No concello de Melón, na provincia de Ourense, faleceu este sábado un home de 71 anos tras sufrir a picadura de varias avespas velutinas. 

Segundo os veciños que presenciaron o suceso, o veleno das avespas asiáticas foi fulminante, e malia que ata o lugar se trasladou o helicóptero medicalizado, non puideron facer nada por salvarlle a vida. A veciñanza está conmocionada e moi preocupada porque aseguran que na zona teñen polo menos cinco niños de velutinas.

"Hoxe morreu ese señor, e mañá vai ser o meu marido, porque está operado dun cancro de páncreas, é diabético e tiña a casa cheíña de velutinas", explica preocupada outra veciña.  

O efecto do ataque dos insectos foi tan rápido que ninguén puido facer nada para evitar a morte do home de 71 anos, veciño da localidade do Coruxal, no concello ourensán de Melón.

"Estaban subindo os cacharros para arriba e cando o xenro subiu díxolle, acábanme de picar as velutinas, supostamente díxolle, imos ir ata o hospital, pero xa lle caeu diante dos pés" conta unha veciña do Coruxal. 

O falecemento do seu veciño fixo aumentar a preocupación pola presenza na aldea da avespa asiática. Os veciños aseguran que hai xa tempo que deron os primeiros avisos ao servizo 012, habilitado para solicitar a retirada dos niños das velutinas pero por agora non os atenderon. 

"Eu imaxino que están as cousas desbordadas, pero o que non pode suceder é que aquí haxa, que eu saiba neste momento, arredor de cinco niños. Hai máis de 15 días que se avisaron e non houbo ningunha resposta. Nós pedimos que atendan un pouco máis a zona rural", di Emilio Díaz, o alcalde de Melón. 

"Estamos invadidos, isto non hai quen o aguante máis", afirma outra veciña do Coruxal. 

A veciñanza está alarmada e piden a retirada dos niños das velutinas para evitar outra desgraza.

"Podíase evitar con algo máis de control ou polo menos respectando esas chamadas e eses aviso", apunta outro veciño da aldea. 

"Primeiro son as velutinas que a xente da aldea? Non fan caso nin o Concello, nin a Xunta nin nada", responde moi enfadada a veciña que ten un niño de velutinas a carón da súa casa. 

"Eu tamén son coma ese home, tamén son de risco e teño medo", di outro veciño de idade avanzada.

O home falecido estaba co seu xenro trasladando mel das súas colmeas
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade